Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura a exposición "50 anos coidando a terra" en...
10-10-2025
A exposición que conmemora os 50 anos da organización ecoloxista ADEGA chegou este xoves 10 de outubro á Praza de Ourense, en Pontevedra, onde permanecerá instalada ata o 21 de outubro. O acto de inauguración e a visita guiada pola mostra tivo lugar hoxe ás 12:00 horas, coa presenza de representantes institucionais e de colectivos sociais e ambientais que teñen colaborado con ADEGA.
A mostra itinerante, baixo o nome “50 anos coidando a terra”, repasa a traxectoria de ADEGA na defensa do medio ambiente galego ao longo de cinco décadas. Logo de pasar por diferentes concellos do país, como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño ou Santiago de Compostela, a exposición continúa agora o seu percorrido pola cidade do Lérez, para ofrecer á veciñanza a oportunidade de coñecer os principais fitos, campañas e mobilizacións que marcaron e marcan a historia do ecoloxismo galego.
O acto estivo presentado por María R. Lafuente, membro da directiva de ADEGA, quen agradeceu a presenza de todas as persoas asistentes á inauguración e ás asociacións que acompañaron a ADEGA, entre elas, a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Salvemos o Lérez (plataforma veciñal contra a A-57) e Amil sen eólicos. Tamén tomou a palabra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que parabenizou o labor de ADEGA en defensa da terra durante estes 50 anos e agradeceu a quen formou e sigue formando parte da organización. "Hai moitísimo que facer de cara ao futuro", recoñeceu. Canda a el, acudiron as concelleiras Eva Villaverde, M. Xosé Abilleira e Marcos Rey Pazos; e a senadora Carme da Silva. O encontro rematou cunha visita guiada pola mostra da man do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas.
A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país. A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.
Esta mostra ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galiza.
A inauguración desta exposición marca o iniciou dunha xeira de actividades que desenvolverá a organización ecoloxista na cidade de Pontevedra. En concreto, ADEGA moverá unha exposición en formato adaptado por un total de sete centros de ensino, nos que tamén se impartirán charlas arredor do movemento ecoloxista galego. Ademais, celebraranse charlas e mesas redondas nas vindeiras semanas. Todas estas actividades contan co apoio financeiro do Concello de Pontevedra.