Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA instala a exposición do seu 50 aniversario en...
26-09-2025
A exposición que conmemora os 50 anos da organización ecoloxista ADEGA aterrou este venres 26 de setembro no Paseo da Alameda de Santiago de Compostela. O acto de inauguración e a primeira visita guiada pola mostra, que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas e que contou coa presenza da alcaldesa, Goretti Sanmartín, marcan o arranque dun completo programa de actividades de educación ambiental e de reflexión pola defensa da terra que se desenvolverán en diferentes puntos da cidade desde este mesmo venres e ata o vindeiro martes, 7 de outubro.
A mostra itinerante, titulada “50 anos coidando a terra”, repasa a traxectoria de ADEGA na defensa do medio ambiente galego ao longo de cinco décadas. Logo de pasar por diferentes concellos do país, como Carballo, Muros, Arzúa e Valdoviño, chega agora á capital galega, onde permanecerá instalada no Paseo da Alameda ata o martes 7.
Manolo Soto, membro da directiva de ADEGA, foi o encargado de conducir o acto de presentación, no que deu a benvida ás persoas asistentes e agradeceu o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña na posta en marcha desta mostra, así como a presenza de colectivos como a Plataforma pola Defensa do Río Sar, a asociación A Rula e a asociación Máis que mel; e do concelleiro de sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, e a socialista Marta Abal. Soto destacou a importancia de reflexionar sobre a traxectoria da organización e as loitas nas que estivo implicada: “Houbo moitos fracasos, pero tamén moitos éxitos que hai que ter en conta”. Subliñou, ademais, os piares que definen ADEGA: a defensa da biodiversidade e dos ecosistemas como base da vida, o compromiso coa paz e a denuncia do armamentismo, así como a protección do patrimonio cultural e da lingua galega.
Tamén tomou a palabra a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que quixo parabenizar “un traballo absolutamente imprescindible para artellar o tecido en defensa do territorio galego”. Destacou o papel das persoas que, con "valentía, xenerosidade e compromiso", sementaron hai 50 anos unha iniciativa que foi medrando ata converter ADEGA na organización "de referencia do ecoloxismo galego". "Se non existise, habería que inventala", sinalou, ao tempo que apelou a continuar camiñando con forza cara ao futuro: “Cincuenta anos máis de defensa da terra”.
A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis repartidos en catro tótems cúbicos, acompañados de varios bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos en alusión á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas con maior impacto dentro e fóra de Galiza. Os contidos ofrecen un percorrido pola historia da organización, a través do relato das principais ameazas ambientais ás que se enfrontou o país nos últimos 50 anos. Esta iniciativa, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, procura, xa que logo, conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental en Galiza e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra.
A exposición forma parte dun amplo ciclo de actividades organizado por ADEGA en Santiago de Compostela entre o 26 de setembro e o 7 de outubro, co que a asociación decana do ecoloxismo galego celebra e reivindica o seu medio século de traxectoria. O programa, desenvolvido en colaboración co Concello de Santiago, busca achegar á veciñanza compostelá e ao conxunto da cidadanía galega a historia, a evolución e os desafíos presentes e futuros do movemento ecoloxista no noso país.
Tras a inauguración da mostra “50 anos coidando a terra” e a súa primeira visita guiada, a programación continúa xa este mesmo venres pola tarde no Centro Sociocultural do Ensanche, cunha dobre cita: a proxección do documental A terra por gañar (18:00 h) e a mesa redonda “ADEGA, unha historia de compromiso coa terra” (19:30 h), na que persoas destacadas da organización como Ramón Varela, Manolo Soto e María Lafuente repasarán cinco décadas de activismo e educación ambiental. Pechará o acto o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez.
Durante os oito días seguintes, Compostela acollerá obradoiros, roteiros, proxeccións, mesas redondas e actividades de educación ambiental en diferentes espazos da cidade, entre as que destacan: