Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A afección dos lumes á Rede galega de espazos protexidos...
16-09-2025
A vaga de incendios do pasado agosto afectou significativamente os espazos protexidos, e en particular, os da provincia de Ourense. Datos solicitados por ADEGA ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), cifran en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que supón o 26% de todo o queimado até o de agora este ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Trátase da maior afección por extensión queimada e porcentaxe a esta figura de protección europea dende a súa instauración en Galiza en 2004. Os incendios afectaron tamén a outras 8.841 hectáreas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluidas na Estratexia de infraestrutura verde, algunha das cales, como a Serra de Vilamartín, arderon por completo. Tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos (10.949 ha) aproximouse, aínda que de lonxe, á deste ano.
Se calculamos a incidencia do lume neste 2025, vemos que con respecto ao conxunto de Galiza este ano ardeu o 4,9% do territorio (144.997 ha). Comparando coa porcentaxe de Rede Natura 2000 queimada, o 10,8%, resulta que os espazos protexidos arderon cunha frecuencia 2,2 veces maior (máis do duplo) que o resto do territorio.
Particularmente importante foi a incidencia dos lumes nos espazos protexidos do interior de Galiza, nomeadamente en Ourense. Así, os datos do EFFIS sinalan que en apenas unha semana de agosto, queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra; para un total de 31.837 hectáreas. E en Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 ha, o 5,2% da súa superficie.
A viabilidade ecolóxica dalgúns destes territorios, fogar de especies moi sensibles e ameazadas como o oso, a aguia real ou flora endémica, fica seriamente ameazada. E os servizos ecosistémicos que prestan estes espazos á sociedade (regulación hídrica, absorción de carbono, control da erosión, subministro de alimentos...) tardarán anos en recuperarse, polo que resulta imperativo planificar e comprometer medios e recursos para a rexeneración destes territorios.
ADEGA subliña primeiramente o feito de que sexa unha ONG e non a administración a que ofreza datos contrastados sobre a incidencia real dos incendios nestes espazos protexidos, as xoias do patrimonio natural galego. A opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural durante esta vaga de lumes foi parella ao seu desleixo e inoperancia.
Actualmente, non se coñecen datos oficiais das afeccións dos lumes durante este ano á Rede Natura galega, nin tampouco cal é o plan da Xunta (se é que existe) para a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade. Resulta difícil de entender que, a sabendas do dano exercido polos lumes sobre os espazos naturais protexidos, a Consellaría de Medio Ambiente aínda non teña disposto ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais. Só outorga axudas para os tecores e para a recuperación de infraestruturas.
As lamentábeis declaracións do Sr. Rueda (“arderon pedras e mato”) e da conselleira Sra. Vázquez relacionando lobos e incendios son exemplo dunha preocupante ignorancia e dun “trumpismo ambiental” inaceptábel nuns responsábeis públicos.
Desde ADEGA reclamamos ás Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural: