Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Inaugurada en Valdoviño a exposición de ADEGA "50 anos...

11-09-2025

Inaugurada en Valdoviño a exposición de ADEGA "50 anos coidando a terra"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou hoxe, xoves 11 de setembro, en Valdoviño a exposición “50 anos coidando a terra”, unha mostra itinerante que repasa a súa traxectoria na defensa da terra e do medio ambiente galego.

O acto tivo lugar na explanada exterior da Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, onde a mostra estará exposta desde hoxe e ata o próximo 23 de setembro, logo de percorrer outros concellos do país como Carballo, Muros e Arzúa. No encontro estivo presente o alcalde do concello, Alberto González, así como representantes de colectivos implicados na protección do territorio, como a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Asociación Etnográfica e da Natureza (AETNA).

A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis repartidos en catro tótems cúbicos, acompañados de varios bidóns que recrean materiais radioactivos como símbolo da oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas con maior impacto dentro e fóra de Galiza. Os contidos da mostra ofrecen un percorrido polos 50 anos de historia de ADEGA, e combinan a evolución da asociación coas múltiples ameazas ambientais que sufriu e aínda sofre o noso territorio ao longo das últimas cinco décadas.

O acto foi conducido por Adela Figueroa, membro da directiva de ADEGA, quen deu a benvida ás persoas asistentes e agradeceu a colaboración do Concello no acto. Salientou que a mostra resume medio século de loita ecoloxista nun país que “sempre precisou quen mirase por el”. Reivindicou o papel pioneiro da asociación na incorporación das mulleres á defensa do territorio e lembrou mobilizacións históricas como a das Encrobas ou Castrelo de Miño, así como a oposición aos vertidos na Foxa Atlántica. Figueroa puxo en valor a entrada de novas xeracións, a metodoloxía de cooperación e a visión de país que guían a ADEGA desde as súas orixes.

Polo Concello de Valdoviño falou o seu alcalde, Alberto González, quen agradeceu á asociación “o compromiso co territorio e co medio ambiente” e subliñou “a relevancia das organizacións ecoloxistas na defensa da paisaxe, da sostibilidade e da Rede Natura”. “Para Valdoviño é un pracer contar con vós; temos que seguir traballando para conservar o noso patrimonio natural”, destacou.

Esta iniciativa, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, enmárcase dentro das accións de ADEGA para conmemorar os seus 50 anos e divulgar a educación ambiental en Galiza, ao tempo que procura incentivar as novas xeracións a implicarse na protección do territorio e fortalecer o movemento ecoloxista do país.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal