Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reúnese coa Xunta para instala a actuar xa na...

10-09-2025

ADEGA reúnese coa Xunta para instala a actuar xa na prevención da erosión e recuperación ecolóxica das zonas ardidas e, en especial, dos espazos protexidos

A asociación ecoloxista ADEGA mantivo hoxe unha reunión con representantes das Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural para trasladarlles a necesidade inminente de desenvolver accións de prevención da erosión e de recuperación ambiental e da biodiversidade nas zonas queimadas, con especial atención aos Espazos Naturais Protexidos. A pesar de que as áreas protexidas de Rede Natura ficaron especialmente danadas pola actual vaga incendiaria, a Xunta aínda non dispuxo ningunha liña de axuda para mitigar os efectos do lume sobre os hábitats e ecosistemas naturais de maior valor ecolóxico do país, o que impediría a disposición de accións urxentes que eviten a erosión dos ecosistemas naturais por escorrentías ou que promovan plans de restauración a medio e longo prazo. As únicas liñas de subvención vixentes que atinxen parcialmente á restauración ambiental son as destinadas a fins cinexéticos, que benefician exclusivamente o sector da caza, porén, non contemplan obxectivos de conservación dos hábitats e das especies de maior valor ecolóxico. 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, non quixo concretar datos sobre a superficie calcinada da Rede Natura 2000, malia a recoñecer que son datos que xa están en poder da Consellaría de Medio Ambiente, emprazando a ADEGA a coñecelos na comparecencia pública que faga a tal fin a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Por outra banda, tamén indicou que, desde a Consellaría de Medio Ambiente, se está traballando na análise dos impactos dos incendios forestais sobre a biodiversidade e as especies en perigo de extinción ou vulnerables, da que tampouco quixo adiantar datos concretos. A directora xeral de Patrimonio Natural puntualizou que xa se está actuando, a través dunha contrato de urxencia coa empresa Tragsa, nas “illas verdes” das zonas queimadas e a través de reparto aéreo de cereais, para alimentar a fauna salvaxe afectada nos distritos forestais da provincia de Ourense. Neste sentido, a secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, apelou á directora xeral para que desde o seu departamento se prohiba a caza, non só nas áreas queimadas, senón tamén nas áreas limítrofes, que arestora actúan como refuxio da fauna salvaxe afectada polos lumes. 

Pola súa banda, o director xeral de planificación e ordenación forestal, Xosé Luis Chan, indicou que as accións prioritarias da Consellaría de Medio Rural para facer fronte aos efectos dos lumes forestais se están focalizando en atender as necesidades das poboacións afectadas e na reparación de infraestruturas, e que a nivel de reparación hidrolóxica había outras institucións responsables, en alusión á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

ADEGA pon á disposición o seu voluntariado ambiental para a restauración das zonas afectadas

O secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, trasladou a ambas consellarías a disposición da organización ecoloxista para colaborar co seu voluntariado ambiental nos labores de control de erosión ou de recuperación ecolóxica dos espazos naturais queimados. A este respecto, a directora xeral de Patrimonio Natural anunciou que xa se está a traballar coa Dirección Xeral de Voluntariado e Xuventude para promover algún programa específico de acción voluntaria, con especial atención á contorna de núcleos rurais nas zonas quiemadas, mais non especificou cal vai ser o mecanismo de participación nin se se vai atender aos espazos naturais protexidos. 

ADEGA alertou da urxencia de intervención que esixen algúns ecosistemas naturais especialmente fráxiles e vulnerables, visitados recentemente pola organización, e que están dentro de espazos de Rede Natura, como por exemplo, a prevención da escorrentía de sedimentos sobre as lagoas glaciares de Pena Trevinca ou a contorna do Teixadal de Casaio, o bosque máis antigo de Galiza, ameazado reiteradamente polos lumes forestais.

Os ecoloxistas apelaron aos representantes da Xunta a que actúen coa máxima transparencia en relación á información sobre as afectacións aos espazos protexidos, o cumprimento da lexislación que lles obriga a elaborar un mapa de riscos e a concreción urxente do plan de voluntariado para actuar nas zonas afectadas. Así mesmo, instaron a ambos departamentos a reflexionar de cara a un cambio das políticas agroforestais e ambientais para protexer a sociedade e o medio ambiente galego de situacións de extremo risco por incendios forestais como a vivida este verán.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal