Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA acompaña a cinco mozas nun intercambio Erasmus+ na...

05-09-2025

ADEGA acompaña a cinco mozas nun intercambio Erasmus+ na República Checa, "unha experiencia que deixa pegada para sempre"

  • As participantes, dúas galegas, dúas madrileñas e unha valenciá, destacan a convivencia, a diversidade cultural e a conciencia ambiental como aprendizaxes desta viaxe.
  • O proxecto internacional “Let’s Get Outdoorsy!" reuniu mocidade de diferentes países europeos para aprender a desconectar do mundo dixital e reconectar co medio natural.

Camiñar pola natureza, compartir música, xogos e tradicións ou coñecer a gastronomía doutros países. Estas foron algunhas das experiencias vividas por cinco mozas e mozos que participaron en “Let’s Get Outdoorsy!”, un intercambio xuvenil Erasmus+ organizado pola entidade da República Checa ICM Jindřichův Hradec co apoio de ADEGA como organización socia no Estado español. O encontro celebrouse en Maly Ratmirov, unha pequena localidade da República Checa rodeada de natureza, onde a mocidade puido redescubrir o valor da convivencia, a sustentabilidade e a desconexión dixital.

A experiencia non só puxo o foco no coidado do medio e no uso consciente da tecnoloxía, senón tamén na convivencia intercultural. Mozas e mozos de diferentes países europeos compartiron tradicións, músicas e linguas nun espazo de confianza onde aprender a traballar en equipo e valorar a diversidade. Esta dimensión internacional reforza, asegura a asociación ADEGA, a idea de que os desafíos ambientais e sociais son comúns, e que a cooperación é o camiño para enfrontalos.

Durante unha semana, do 24 ao 30 de agosto, as persoas participantes compartiron actividades ao aire libre —desde roteiros pola natureza ata xogos cooperativos e talleres prácticos— que lles permitiron reflexionar sobre o impacto da vida dixital e a importancia de cultivar unha relación respectuosa coa natureza. As noites interculturais, cheas de gastronomía, música e tradicións, foron un dos momentos destacados da experiencia por parte das protagonistas, que amosan a intensidade do vivido. 

Rebecca, unha das participantes, subliña que o proxecto “combinaba teoría, práctica e conexión coa natureza” e que lle ensinou “conceptos novos relacionados co ecoloxismo, a ser máis consciente do impacto persoal no planeta e a importancia de desconectar para conectar co que realmente importa”. Para Jara, a experiencia foi moito máis ca unha pausa: “Foi a primeira vez que me esquecín de facer fotos porque estaba totalmente presente. Mirar as estrelas nun ceo sen contaminación, remar nun lago ou simplemente sentar soa no bosque, sen móbil, sen falar, fixéronme entender que esta experiencia non foi unha pausa, senón un comezo”.

Tamén Sergio recoñeceu o cambio que supuxo: “O que máis me sorprendeu foi o doado que resulta esquecer o móbil e estar no momento. Aprendín o valioso que pode ser desconectar e volver conectar coa xente e coa natureza”. Natalia deixa unha reflexión que vai na mesma liña: "Este YE ensinoume que o verdadeiro FOMO non vén do que ocorre nas pantallas, senón de perderse o que pasa diante de ti. Estar presente, coa mente aberta e o corazón disposto é o único que permite que calquera experiencia se volva inesquecible".

Máis alá das aprendizaxes persoais, todas coinciden en destacar a forza dos vínculos humanos xerados: amizades que transcenden fronteiras e recordos que permanecerán no tempo. Con este proxecto, ADEGA reafirma o seu compromiso de impulsar experiencias internacionais que conecten a mocidade coa natureza, a través do fomento de estilos de vida sostibles e críticos nun mundo cada vez máis dixitalizado.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal