Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA instala en Arzúa a exposición que percorre os seus 50...

28-08-2025

ADEGA instala en Arzúa a exposición que percorre os seus 50 anos de historia

Tras pasar por Carballo e Muros, a exposición "50 anos coidando a terra", coa que a asociación ecoloxista ADEGA conmemora medio século de traballo en defensa do medio ambiente galego, chega ao concello de Arzúa, onde permanecerá até o 9 de setembro. A mostra itinerante repasa, por medio de relatos e imaxes históricas, algúns dos fitos e mobilizacións ecoloxistas que máis pegada deixaron no país e que influíron de maneira máis acusada no presente e no noso devir futuro.

A chegada desta exposición a Arzúa quere poñer en valor a resiliciencia que teñen demostrado a comarca da Ulloa e as súas poboacións fronte a numerosos episodios de espolio enerxético, mineiro e forestal do noso territorio ao longo destes 50 anos. O encoro franquista de Portodemouros, as minicentrais de Fraga, a mina de Touro ou a megacelulosa de Altri-Greenalia, son algunhas das principais agresións ambientais e sociais coas que teñen ou tiveron que lidiar, na compaña de ADEGA e do movemento ecoloxista, e que foron mencionadas nos discursos do acto de inauguración.

Marcial Barral, membro da directiva de ADEGA e veciño de Palas de Rei, foi o encargado de conducir o acto de presentación. Agradeceu a presenza, tanto das institucións que colaboraron con este proxecto de divulgación histórica, a Deputación da Coruña e o Concello de Arzúa, como daquelas plataformas e colectivos veciñais presentes no evento. Pola Deputación da Coruña, asistiu Xosé Penas, responsable das áreas de Contratación, Patrimonio e Equipamentos, quen indicou a relevancia de ADEGA tanto dentro como fóra do país, tamén na defensa do patrimonio cultural, e lamentou que "moitas veces as administracións non estean á altura do que esixe a sociedade nin as entidades de referencia que defenden o patrimonio de todos e todas". 

Polo concello de Arzúa, falou o seu alcalde, Xoán Xesús Carril quen animou a ADEGA a non caer no desánimo "porque é aínda necesaria" e convidou á veciñanza a gozar da exposición que estará na praza da vila ata o 9 de setembro. Serxio Núñez agradeceu á organización ecoloxista de Galiza a súa contribución á loita da plataforma Ulloa Viva contra o proxecto Altri, a cal, dixo "non existiría se non fose polo traballo ADEGA". En nome da plataforma Mina de Touro-O Pinon Non falou Obdulia Laredo, quen recoñeceu o papel combativo de ADEGA contra a destrución da mina desde o comezo, sendo nestes momentos máis necesarios que nunca. Xosé Salvadores, presidente da Fundación Eira, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións, resaltando o papel da Eira da Xoana, centro de referencia de ADEGA no Alto Ulla desde hai máis de 15 anos, na demostración de que "outro mundo é posible" seguindo os principios de solidariedade, coa defensa ambiental e da cultura galega. 

O acto rematou cunha visita guiada á exposición "50 anos coidando a terra" a cargo da secretaria executiva da organización, Belén Rodríguez, quen sinalou ante un amplo grupo de asistentes algúns dos principais fitos do ecoloxismo galego no pasado recollidos nos 16 paneis que compoñen a mostra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego. Neles, tamén se recollen as principais ameazas ecosociais do presente, nas que o río Ulla se revela como vítima especialmente protagonista. As persoas que visiten a exposición conmemorativa de ADEGA na Praza da Vila de Arzúa poderán ademais contemplar máis dun cento de logros na defensa da terra acadados nos últimos 50 anos grazas á existencia dun movemento social galego organizado na defensa da terra.

Ligazóns

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal