Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Prioridades de Medio Ambiente da Xunta: cunha Rede Natura...

27-08-2025

Prioridades de Medio Ambiente da Xunta: cunha Rede Natura arrasada, que non falten cartos para a caza...

Para a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, o monte galego é un enorme TECOR entre plantacións de eucaliptos. Só así se explica que logo de estar desaparecida 15 días cos lumes arrasando máis de 90.000 hectáreas, en grande parte espazos protexidos, apareza agora para anunciar axudas... aos cazadores!

A reacción institucional fronte á actual vaga de lumes lembra moito ao acontecido após doutras catástrofes incendiarias (2020, 2017, 2013...) e segue a coñecida "doutrina Prestige": En troques de asumir responsabilidades e tomar medidas para evitar no posíbel esta recorrente desfeita e mitigar as súas consecuencias, preténdese tapar a inoperancia e o abandono da Xunta regando con cartos públicos a colectivos "amigos", habitual despensa de votos, desta volta os cazadores.

Vázquez Mejuto compareceu finalmente e anunciou axudas "para recuperar terreos e hábitats cinexéticos", evidenciando outra volta a súa visión simplista e intencionadamente distorsionada do que debe ser o monte galego: unha fábrica de madeira barata para as pasteiras e un couto de caza para escopetear a "fauna cinexética" todo o ano.

Tamén resulta moi significativo que ao seu carón, e como subdirector xeral de Espazos Naturais, estea agora Tomás Fernández-Couto, que durante 20 anos foi director xeral de Montes e que acumula un récord de hectáreas queimadas durante o seu mandato como máximo responsábel da "loita" contra o lume da Xunta.

Urxen medidas de restauración e compensacións rápidas para evitar máis desastres

Con estas medidas sectarias e insuficientes a Xunta semella querer obviar as súas responsabilidades na inmensa catástrofe ecolóxica causada polos lumes nalgúns espazos naturais emblemáticos (Macizo Central, Trevinca, Courel...). Canto hai da urxente restauración hidrolóxico-florestal dos terreos queimados? CERO euros. Canto para as medidas de choque contra a erosión? CERO euros. Que partidas vanse habilitar para a alimentación do gando mostrenco que quedou sen pasto? CERO euros. E para recuperar a biodiversidade e restaurar a funcionalidade ecolóxica dos hábitats queimados? CERO euros. 

A perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, mais estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume con tarefas tarefas de protección, restauración e rexeneración.

As ecoloxistas esiximos a posta en marcha de medidas urxentes para evitar outra catástrofe sobrevida nos territorios afectados polo lume e áreas veciñas: a provocada pola perda de solo fértil, a erosión e os arrastres de sedimentos cara os vales e ríos. Resulta imperativo que denantes das choivas comecen os labores de restauración hidrolóxico-florestal dos terreos queimados. Dispoñer barreiras anti-escorrentías e faixas de estrume; sementar herbáceas de crecemento rápido para fixar o chan; dispoñer refuxios e alimento para a fauna salvaxe e o gando... 

E cómpre lembrar que nestes labores colaboraba eficazmente o Voluntariado en Defensa do Monte (2006-2009) que Feijóo suprimíu nada máis chegar á Xunta... 

Hai innumerables estudos, información e experiencias que avalan estas medidas urxentes, e lexislación abonda que ampara e obriga de realizar estes labores. Mais a Xunta continúa na inopia, ano tras ano, sen unha planificación clara nin pre nin post incendio, e o que é pior, sen intención aparente de desenvolvela.
Subvencionar o silenzo: esa semella ser a pretensión da Xunta con estas axudas.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal