Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Rueda, atende: 10 propostas para reducir o impacto dos...

14-08-2025

Rueda, atende: 10 propostas para reducir o impacto dos incendios que non poden agardar máis

Perante a problemática recorrente dos lumes forestais, agravados pola mudanza climática e o desleixo das administracións, ADEGA quere lembrar que as solucións e propostas para amortecer o impacto dos incendios son sobradamente coñecidas, e pasan por unha combinación de mudanzas estruturais, accións concretas, e medidas transversais.
Se non se teñen desenvolvido até o de agora non é por un déficit de coñecemento ou medios: é unicamente pola falla de vontade política!

10 propostas para reducir o impacto dos incendios

1. Unha nova política forestal adatada ao cambio climático que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas e sociais.

2. Un ordenamento territorial que evite o despoboamento, a perda de usos tradicionais e a forestación de terras agrarias.

3. Unha moratoria indefinida para novas plantacións de eucalipto.

4. Programas de redución progresiva do eucalipto e outras especies invasoras nos montes, e eliminación das plantacións ilegais.

5. Alongamento das franxas de separación das plantacións forestais con cultivos, cursos de auga, zonas habitadas e vías de comunicación.

6. Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elementos naturais de roza e prevención de incendios.

7. Potenciar a mobilidade das terras abandonadas a través do Banco de Terras e reforzar do papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

8. Unha xestión pública e democrática dos montes con criterios conservacionistas e de interese social.

9. Un único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios que desenvolva o seu labor todo o ano.

10. Máis educación ambiental e voluntariado activo para promover valores e desenvolver accións a favor do ambiente no propio medio.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal