Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Chega a Muros a mostra de ADEGA que percorre os seus 50...
13-08-2025
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), organización referente do ecoloxismo no país, inaugurou hoxe en Muros a exposición "50 anos coidando a terra", coa que conmemora medio século de traballo en defensa do medio ambiente galego. Tras seu paso por Carballo, a mostra chega agora ao concello muradán, onde permanecerá ata o 26 de agosto na Praza do Concello.
O acto de inauguración, celebrado ás 12:00h do mediodía na Praza do Concello, contou coa colaboración do Concello de Muros e coa participación da súa alcaldesa, María Lago, que agradeceu a ADEGA a achega desta mostra ao concello e fixo un convite a toda a veciñanza a visitala. Ademais, reivindicou a presenza e papel de ADEGA "en todas aquelas causas que teñen no fondo a defensa do noso patrimonio natural e cultural", ao tempo que tamén puxo en valor a educación ambiental como ferramenta para xerar conciencia e accionar cambios en prol do medio ambiente. Neste sentido, destacou aquelas actividades que o Concello de Muros desenvolve canda ADEGA en ámbitos coma o da loita contra as especies exóticas invasoras.
Tamén tomou a palabra María Candamo, veciña de Louro e creadora de Lixo Atelier, un proxecto de artesanía, deseño e transformación dos residuos que atopa nas praias en xoias únicas. Moi involucrada nas múltiples limpezas que se organizaron no marco da recente crise dos péllets, María Candamo lembrou a "rabia e impotencia" daqueles momentos e puxo o foco na importancia de que existan asociacións ecoloxistas que sexan capaces de organizar e dar formación ao voluntariado ambiental. A continuación, Xaime Beiro, tamén veciño de Louro e submarinista audiovisual, falou da necesidade de se xuntar e de "preocupármonos polo noso" ante un "serio problema" de contaminación e cambio climático que afecta todo o ecosistema mariño. "A divulgación é o primeiro paso para tomar conciencia e ese é o obxectivo co que desenvolvemos os nosos traballos audiovisuais. Exposicións coma estas axudan a que a xente coñeza as marabillas que hai no noso mar e a necesidade de coidalas", explicou.
Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, foi o encargado de conducir o acto e agradeceu a presenza de todas as persoas e entidades colaboradoras, como Noia Limpa, que se achegaron ata a praza. "Esta exposición é unha mirada atrás, seguida de moita esperanza e moito compromiso para outros 50 anos máis. Se ADEGA non existise, se o movemento ecoloxista galego non existise, este país sería diferente", destacou. O acto rematou cunha visita guiada á exposición, que terá como seguinte parada o concello de Arzúa o próximo 28 de agosto.
Este proxecto expositivo foi posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña e á implicación de persoas socias e simpatizantes que contribuíron na elaboración dos textos e na achega de imaxes históricas. Forma parte dun amplo programa de actos que ADEGA está a desenvolver ao longo deste ano por todo o territorio, co obxectivo de reivindicar a súa traxectoria e, ao tempo, lembrar fitos e mobilizacións ecoloxistas que marcaron o presente e o futuro da Galiza. A exposición tamén pretende animar as novas xeracións a implicarse na defensa do territorio e do patrimonio natural.
A mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras. Os contidos escollidos por ADEGA para retratar os seus 50 anos mesturan o relato histórico evolutivo da Asociación e as diferentes e múltiples ameazas ambientais que sufriu e sofre o noso país nas últimas cinco décadas.
A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego.
A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidiar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Tamén sinala algúns dos proxectos industriais que nas últimas décadas destruiron boa parte do noso patrimonio natural e supuxeron un grande foco de contaminación, como as térmicas, Ence ou Alcoa, e aqueles que hoxe en día constitúen unha preocupante ameaza de futuro, como é o caso da macrocelulosa de Altri ou da mina de Touro.
A proposta expositiva tamén amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado, destacando algúns dos seus proxectos máis emblemáticos (Proxecto Ríos, Cerna, Eira da Xoana ou compostaxe caseira e comunitaria). Así mesmo, as persoas que a visiten poderán consultar unha liña de tempo de máis dun cento de fitos históricos conseguidos nos últimos 50 anos grazas á organización ecoloxista ADEGA e, en xeral, ao movemento social galego na defensa da terra.