Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / 6 de agosto: Hiroshima e Nagasaki, un símbolo para a PAZ,...

06-08-2025

6 de agosto: Hiroshima e Nagasaki, un símbolo para a PAZ, contra as armas nucleares e contra os conflitos bélicos

O 6 de agosto do 1945, hai hoxe 80 anos, o exército dos EE.UU facía ostentación pública e publicitaria da súa absoluta falta de humanidade e de desconsideración pola poboación civil ao lanzar, sen advertencia previa ningunha, a primeira bomba atómica sobre a cidade de Hiroshima (duns 380.000 habitantes). Provocou cerca de 100.000 mortes directas, outras tantas persoas resultaron gravemente feridas con queimaduras graves e traumatismos de distinto tipo, e todas as demais foron condenadas con múltiples secuelas que aínda hoxe perduran en boa parte da poboación civil. A lista de mortes oficiais atribuídas aos efectos, directos e indirectos, desta primeira bomba atómica eran no ano 2009 de 263.945 vítimas. Tres días despois da primeira bomba, nunha demostración aínda de maior inhumanidade, cando o exército nipón estaba negociando a súa rendición, o presidente Truman ordenaría o lanzamento dunha segunda bomba, nesta ocasión sobre a poboación civil da cidade de Nagasaki con cerca de 250.000 habitantes.

Dende ADEGA, como organización ecoloxista comprometida co pacifismo, sumámonos hoxe á conmemoración mundial deste día:

  • Denunciamos, por unha parte, aqueles dous actos de desconsideración absoluta pola vida das poboacións de Hiroshima e Nagasaki.
  • Denunciamos, por outra, a continua proliferación do armamento nuclear que é hoxe unha permanente ameaza para toda a poboación do planeta.
  • Renovamos, en fin, a petición compartida con todos os pobos do mundo da urxente desaparición das armas nucleares.

Contra o xenocidio en Palestina

Á denuncia daqueles actos de absoluto desprezo pola vida humana que foron o lanzamento de cadansúa bomba atómica sobre Hiroshima e Nagasaki, temos que sumar hoxe a denuncia da destrución e o xenocidio planificados que o Estado de Israel está levando a cabo sobre a poboación de Palestina, que condena a homes e mulleres, a nenos e a nenas, a morrer baixo as balas e bombas da maquinaria de guerra israelí (que nin sequera respecta escolas e hospitais) e/ou a un asedio permanente de sede, fame e condicións infrahumanas, todo elo coa total impunidade dos dirixentes da Unión Europea e do mundo enteiro.

Deter este xenocidio, romper co negocio das fábricas de armamento e demais industrias que se lucran da guerra (como denuncia no seu recente informe a relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese); denunciar a retórica belicista que, para beneficio da industria bélica, se está a promover entre a nosa opinión pública dende a OTAN e a Unión Europea e reconverter en gastos sociais para Educación, a Sanidade e demais servizos públicos todo ese gasto militar que se nos quere impoñer dende esa retórica belicista, teñen que ser hoxe urxente reivindicación de toda a cidadanía. Nesta reivindicación está implicada ADEGA con toda a súa forza.

Ligazóns

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal