Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura en Carballo a exposición itinerante que...

31-07-2025

ADEGA inaugura en Carballo a exposición itinerante que conmemora o seu 50 aniversario

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), organización decana e de referencia do ecoloxismo galego, inaugurou hoxe en Carballo a exposición “50 anos coidando a terra”, que conmemora o seu medio século de traxectoria na defensa do medio ambiente galego. ADEGA escolleu Carballo, capital da comarca de Bergantiños, para dar a coñecer esta proposta expositiva por ser un dos enclaves galegos nos que se perpetrou unha das revoltas sociais na defensa da terra máis singulares da nosa historia: a loita pola preservación e devolución do areal e da lagoa de Baldaio ás mariscadoras.

 A exposición “50 anos coidando a terra” foi realizada grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña e a colaboración de socias e simpatizantes que axudaron a configurar os textos e a dotar a mostra de imaxes. A iniciativa enmárcase nunha xeira de actividades conmemorativas que ADEGA ten previsto desenvolver ata finais de ano por todo o territorio galego co obxectivo de poñer en valor a traxectoria da propia organización, mais sobre todo daqueles fitos e loitas ecoloxistas que marcaron o devir presente e futuro do noso pobo e da nosa terra, así como reivindicar a importancia que tivo e ten o movemento na actual configuración do noso territorio, e favorecer o coñecemento e o activismo ambientalista entre as xeracións máis novas. 

No acto de inauguración, celebrado hoxe ás 13:00 horas, en Carballo, coa colaboración do concello, interviron Rosa Ana García, responsable da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, quen parabenizou á organización convocante e indicou que "ADEGA é máis necesaria que nunca".  Belén Lendoiro, tenente-alcalde do concello de Carballo convidou á cidadanía a visitar a mostra e reivindicou moitas das loitas e propostas de educación ambiental que o concello, xunto con ADEGA, puxeron a andar, no ámbito da compostaxe ou da conservación natural. Francisco Felípez, veciño de Carballo, pola súa banda, rememorou a loita por Baldaio e a icónica mobilización do 8 de maio de 1977, que foi fortemente reprimida polas forzas de da orde daquel momento.  

María R. Lafuente, vicesecretaria de ADEGA, encargouse de presentar o acto a agracedeu á presenza das persoas e institucións e entidades colaboradoras como Senda Nova e o grupo naturalista Hábitat, presentes no acto, así como ás socias e socios de ADEGA sen os cales non se podería exerce o labor inxente na defensa da terra que desenvolveu a organización ao longo deste tempo. Apelou á importancia de lembrar o pasado para poder afrontar o futuro con maior coñecemento e sabendo de onde vimos. O acto rematou cunha visita guiada á exposición.


“50 anos coidando a terra”: Exposición exterior e itinerante

A mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras. Os contidos escollidos por ADEGA para retratar os seus 50 anos mesturan o relato histórico evolutivo da Asociación e as diferentes e múltiples ameazas ambientais que sufriu e sofre o noso país nas últimas cinco décadas.

A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén, aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego. 

A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidiar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Tamén sinala algúns dos proxectos industriais que nas últimas décadas destruiron boa parte do noso patrimonio natural e supuxeron un grande foco de contaminación, como as térmicas, Ence ou Alcoa, e aqueles que hoxe en día constitúen unha preocupante ameaza de futuro, como é o caso da macrocelulosa de Altri ou da mina de Touro. 

A proposta expositiva tamén amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado, destacando algúns dos seus proxectos máis emblemáticos (Proxecto Ríos, Cerna, Eira da Xoana ou compostaxe caseira e comunitaria). Así mesmo, as persoas que a visiten poderán consultar unha liña de tempo de máis dun cento de fitos históricos conseguidos nos últimos 50 anos grazas á organización ecoloxista ADEGA e, en xeral, ao movemento social galego na defensa da terra.

Próximas itinerancias

A mostra ermanecerá na Praza do concello de Carballo ata o 12 de agosto e, a partir desa data, comezará unha itinerancia que percorrerá varias vilas e cidades galegas, e que terá como próximos destinos os municipios de Muros, Arzúa, Valdoviño e Santiago, entre outros.

Ligazóns

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal