Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Os ecoloxistas galegos non participarán no COGAMADS mentres...

23-07-2025

Os ecoloxistas galegos non participarán no COGAMADS mentres censure do debate asuntos de interese xeral

COGAMADS

Os representantes de ADEGA, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, non asistirán unha vez máis á reunión do Pleno do COGAMADS convocada para hoxe día 23 de xullo, tras tres anos xa sen ter sido atendida aínda a súa lexítima solicitude de que se debata no Consello acerca dos efectos ambientais dos numerosos proxectos eólicos en construción e tramitación. 

A Constitución sinala, no artigo 45, ao medio ambiente como un ben xurídico de cuxo goce son titulares todos os cidadáns e cuxa conservación é unha obrigación que comparten os poderes públicos e a sociedade no seu conxunto e que todos teñen o dereito para esixir aos poderes públicos que adopten as medidas necesarias para garantir a axeitada protección do medio ambiente, para gozar do dereito a vivir nun medio ambiente san e indica que todos teñen a obrigación de preservar e respectar ese mesmo medio ambiente. A lexislación obriga a canalizar esta participación a través de procedementos e organismos, como o COGAMADS.

Pero a Consellería do Medio Ambiente vén impoñendo ao COGAMADS un ritmo de funcionamento que ten convertido a este órgano nunha pantomima, moi lonxe de ser o órgano consultivo e de participación e asesoramento, non é máis que un instrumento da Administración galega para exhibir unha imaxe amañada das súas políticas e decisións, imposibilitando que poidan ter cabida as posturas críticas, en especial dende a defensa do medio ambiente.

O que debería ser o órgano que canalizase a participación da sociedade, é unha estrutura na que, lonxe de recoller a participación e as proposicións dos seus membros, se despreza calquera achega que non estea en sintonía coas propias actuacións da Xunta. As intervencións do sector ecoloxista non só non se tiveron en absoluto en conta no pasado, senón que foron contestadas con falsidades e demagoxia, e as súas proposicións nunca foron escoitadas. O funcionamento do COGAMADS é irregular e pretende bloquear e ignorar o dereito recoñecido pola lexislación e pola propia constitución á participación cidadá en asuntos do medio ambiente.

A invasión eólica e outros temas tabú do COGAMADS

Nunha reunión de xaneiro de 2022, a presidencia do COGAMADS, cargo que ocupa a actual conselleira do Medio Ambiente, non atendeu a solicitude dos vogais ecoloxistas e do Sindicato Labrego Galego para someter a votación no pleno un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia, así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.  

Na orde do día da seguinte xuntanza, en maio dese ano, as entidades ecoloxistasmos comprobamos que non figuraba, malia a telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica que xa foran furtadas do debate na reunión previa de xaneiro. Dende entón, desde o movemento ecoloxista decidimos non participar no COGAMADS, e así llo temos comunicado, explicando as nosas razóns á Presidenta.

A día de hoxe, as ameazas sobre o noso medio natural non teñen deixado crecer e aparte das derivadas dun desenvolvemento caótico da produción de enerxía eólica, teñen xurdido outras derivadas dun proxecto de recoñecida e grave potencialidade de  dano como é o de ALTRI na comarca do Ulloa. Por outra banda a política e os plans de conservación de hábitats e especies son practicamente inexistentes.

Porén, dende a Presidencia do COGAMADS séguese sen escoitar a voz nin atender ás demandas lexítimas do movemento ecoloxista polo que, á vista de que na convocatoria deste mércores, segue sen recollerse a solicitude presentada formalmente no ano 2022 e reiterada numerosas veces, amosándose así a vontade de continuar co funcionamento distópico do órgano consultivo e non permitindo a participación real dos representantes do movemento ecoloxista galego, declinamos unha vez máis a nosa participación e seguimos a solicitar un cambio para que, segundo o mandato das leis e do propio decreto 74/2006 que crea e regula o COGAMADS, este sexa un órgano que sirva para “elaborar propostas sobre cuestións de sustentabilidade por iniciativa dos membros do consello” e para “servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais” e tamén para “canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma”.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal