Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Loita Amada encabeza o cartel de concertos do festival de...
04-06-2025
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebra o seu 50 aniversario cun gran festival este sábado, 7 de xuño, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, baixo o lema "ADEGA, 50 anos coidando a terra". A música será unha das protagonistas da xornada, cun amplo programa de concertos de balde que se estenderán desde a mañá ata a madrugada.
O grupo Loita Amada, que regresa á carga, lidera o cartel de actuacións e será o encargado de pechar a noite cun concerto ás 23:30h no Pazo de Feiras. Completan o programa musical nomes como Filophóbicas (22:00h), Catro nun zoco (20:30h), Caivanca (19:00h), Uxía Lambona e a Banda Molona (17:00h), e Axeigo, que amenizará a romaría popular a partir das 13:30h no parque do río Miño. A xornada arrincará musicalmente co Proxecto Troupelear, da man de Branca Villares e Pablo Pintor, ás 12:00h no parque do río Miño. Estes concertos forman parte dunha proposta cultural pensada para todos os públicos, e con actividades ao longo do día que combinan ecoloxismo, cultura e festa popular. A maioría das actuacións desenvolveranse no interior do Pazo de Feiras, agás as previstas no parque.
Ademais, o festival acollerá unha feira máis de 30 postos de artesanía, produtos da terra e asociacións, que abrirá ao público ás 11:00 horas da mañá no interior do Pazo de Feiras. Nela poderanse atopar produtos do agro, ecolóxicos, artesanía e material de colectivos sociais como Ulloa Viva, Lugo por Palestina, Plataforma Feminista de Lugo ou o centro social Mádia Leva. Horta, mel, conservas, cosmética natural, cerámica, cestaría, libros e antigüidades estarán ao dispor das persoas visitantes. A organización ecoloxista achega un agradecemento a todos os proxectos e entidades que nos acompañarán neste día de celebración dos 50 anos de ADEGA na defensa da terra e do medio ambiente galego.
Velaquí a listaxe de postos que, polo de agora, estarán presentes no festival:
As Espigadoras
Plataforma Feminista de Lugo
Senda Coiro e Metal
A Horta Da Sancoveiga
Madre tierra, hermana luna
Mel Casa Benito
Lana Aldeana
Semente Lugo
S:C:G: Ribeira do Navia
María Monsalve Studio
Centro Social Mádia Leva
Xurumbelas
Librería Balmes
Mel ToxalRiba
Loisa Andrade
Saartesa
Plataforma Ulloa Viva
José Luís Estar López
Quod fecit
José Ramón Lleo
Argaiamundi
Francisco Fernández Barrio
Raquel Biscaia
Muiñeiras de Requiande SL
Alvaroff
Enxógate
Nubia
Cervexas Píntega
Lagar d'a Granha - O Campesinhado
Brais Bazarra Perez
Bieiteira
Plataforma Lugo por Palestina
Banco de Tempo de Lugo
Gentalha do Pichel
Kiko Work
ADEGA tamén terá ao longo de toda a xornada o seu propio punto informativo con copos para a bebida e con material da asociación, como camisolas, crachas, autocolantes, folletos, revistas ou libros de educación ambiental en eidos tan diversos como a compostaxe ou as limpezas de praias e ríos.
No parque do río Miño, e no caso de que o tempo o permita, desenvolverase tamén unha exposición e encontro solar a partir das 11:00 horas, pensado para que aquelas persoas que teñan na casa unha cociña solar poidan traela e compartir saberes e sabores usando a enerxía solar. No festival haberá servizo de comida, tanto no posto de hamburguesas que poñerá a disposición a cooperativa Carqueixa (O sabor dos Ancares) como na propia cafetaría do Pazo de Feiras e Congresos, mais cadaquén tamén pode levar a súa propia comida para xantala na romaría popular.
As crianzas contarán con xogos tradicionais durante todo o día a cargo de Xotramu. O festival inclúe, ademais, dúas mesas redondas sobre a historia e os retos do ecoloxismo galego, así como a estrea do documental “A terra por gañar”, que percorre os 50 anos de traxectoria de ADEGA. A asociación convida a toda a cidadanía a participar deste encontro festivo e reivindicativo pola defensa da terra, que conta coa colaboración das áreas de Medio Rural, do Mar e Mocidade, e de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, así como a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
En caso de choiva, todas as actividades desenvolveranse no interior do Pazo de Feiras e Congresos.