Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Ecoloxistas da Cordilleira Cantábrica reunímonos co...
05-04-2023
Con motivo da visita ao Bierzo da ministra para a Transición Xusta, catro colectivos ecoloxistas, entre eles ADEGA, solicitamos unha entrevista que “non puido ser”. O gabinete da ministra derivou a xestión á directora do Instituto de Transición Xusta, Laura Martín Murillo, quen se reuniu con representantes da Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, de ADEGA, da Sociedade Galega de Ornitoloxía e de Bierzo Aire Limpo. Aínda que o encontro foi cordial, os ecoloxistas lamentaron a ausencia da ministra Teresa Ribeira: “Non sabemos que pode haber máis urxente neste momento para O Bierzo, León ou Galicia, e para toda a cordilleira cantábrica, que parar o desastre eólico que impulsa e promove desaforadamente o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica”.
Os colectivos ecoloxistas manifestaron á representante do Ministerio de Transición Ecolóxica que se senten abandonados polo goberno e que os colectivos sociais están a ser os únicos que, de maneira altruísta, están a defender a paisaxe, os hábitats e todo o patrimonio natural da Cordilleira Cantábrica, incluídos os últimos refuxios da pita de monte, ameazados polas multinacionais eólicas. “É inconcibible que se escollan como localización destes parques eólicos os montes e bosques máis valiosos do noso territorio e non haxa nin un só proxecto que se asente en vertedoiros (e no Bierzo temos uns cantos), polígonos industriais ou chans degradados”.
Os ecoloxistas fixeron constar á directora do Instituto de Transición Xusta o feito de que os macroparques eólicos non crean emprego e intensifican o éxodo rural, facendo constar como proba varios exemplos. O turismo, a agricultura e outras actividades económicas están moi vinculadas á paisaxe da que proceden (un coñecido adegueiro rioxano afirma que “embotella paisaxe” e renunciou a ampliar o seu negocio nun lugar no que hai varios proxectos eólicos). Antropizar os espazos naturais pode danar de maneira irreversible estas actividades”.
Os representantes das organizacións conservacionistas fixeron especial énfase no dano irreversible que pode crear nos territorios da Cordilleira Cantábrica a aplicación dos artigos relativos aos proxectos de enerxía renovable dos reais decretos-lei 6/2022 e 20/2022 e a falta de ampliación da Rede Natura 2000. Esixiron a derrogación destes artigos por vulnerar descaradamente as normas de avaliación ambiental vixentes, eximindo de avaliación ambiental ordinaria á maioría dos proxectos industriais de renovables que son competencia do Ministerio, independentemente da súa potencia. Ademais, estes artigos eliminan espazos de participación pública nos procedementos de autorización.
A isto súmase o incumprimento do mandato europeo en canto á necesaria ampliación de Rede Natura 2000 e a elaboración e execución dos plans de xestión e conservación, cuestión que afecta especialmente a Galiza e pola que a Comisión Europea mantén aberto un expediente sancionador contra o Estado español.
“Calquera afección ás comunidades vexetais e os niveis freáticos nos cumes vai afectar a un territorio moito maior. Como exemplo, destácanse as turbeiras, un dos maiores sumidoiros de carbono existentes en risco de perderse —como xa está a pasar no Escudo (Cantabria)— polas máquinas de sondaxe que, a pesar da paralización cautelar, tratan de continuar coas súas tarefas para instalar aeroxeradores”.
Os colectivos presentes interpelaron á directora do Instituto para a Transición Xusta polo chamado PNIEC (Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima), actualmente recorrido polo Fondo para o Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, do que forman parte estas entidades, ante o Tribunal Supremo. “O PNIEC —argumentan— apoia o mesmo sistema económico que nos trouxo aquí. Non se fala de eficiencia, aforro, senón de xusto o contrario. A zonificación é deficiente, tanto na súa elaboración como na implementación da normativa, e é a que están a usar os promotores. Saliéntase que a zonificación do Ministerio non inclúe os plans de conservación das especies protexidas e ameazadas, que a nivel estatal faltan o 85% dos mesmos. Non houbo unha avaliación ambiental estratéxica, nin reflicte os compromisos coa conservación”.
Os colectivos avogaron ante a representante do Ministerio polo autoconsumo e as comunidades enerxéticas no canto de apostar —como está a ocorrer— polas multinacionais do modelo anterior, que só buscan os “beneficios caídos do ceo” (en clara alusión aos danos causados sobre a avifauna polas pas dos aeroxeradores).
Na súa resposta, a directora do Instituto para a Transición Xusta, Laura Martín, defendeu o PNIEC como unha ferramenta valiosa e puxo a énfase no diñeiro investido en restauracións nas áreas de transición xusta no Bierzo e no Alto Sil. Pero recoñeceu que os proxectos de enerxías renovables con acceso á rede “superan as necesidades de electricidade que temos”. Rebateu o argumento de que os macroproxectos de renovables favorezan o despoboamento (“non está demostrado”) e recoñeceu deficiencias administrativas en materia de acceso á información. Finalmente, comprometeuse a trasladar as demandas á ministra Ribeira e a estudar como abordar as autorizacións de proxectos eólicos en comunidades autónomas reticentes a ampliar a Rede Natura ou con pouca superficie protexida, incumprindo o estándar europeo.