CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 10-13
A produción de tecidos e prendas xera até o 10% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, e pode superar a media tonelada de CO2 equivalente por persoa ao ano. As fibras sintéticas emiten máis que as naturais, mentres que o algodón consome moita auga. Ademais, xéranse grandes cantidades de residuos téxtiles, que acaban incinerados, en vertedoiros ou exportados a países empobrecidos. Recíclase menos do 1%. A explotación laboral é outra das caras da moda rápida. Neste artigo analizamos estes impactos e as alternativas para reducir a pegada do noso vestir e calzar.
CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 14
CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 15
As follas que caen aos regatos son a principal fonte de enerxía para o funcionamento destes ecosistemas. As dos eucaliptos son pobres en nutrientes e están quimicamente moi protexidas, o que fai que a maioría das especies de macroinvertebrados fluviais europeos teñan dificultades cando ese é o alimento predominante. Atopamos que os regatos con maior proporción de follas de eucalipto teñen menor riqueza e diversidade de macroinvertebrados. Ademais, as comunidades son máis ricas en outono, cando predominan as follas das plantas nativas, que en primavera. Para minimizar os impactos, as plantacións de eucaliptos deben manter o bosque ripícola con especies nativas.
CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 17
A área de estudo deste traballo abrangue o centro-oeste da provincia da Coruña, é dicir, as comarcas de Bergantiños, Soneira, Costa da Morte, Ordes e Xallas. En xeral, trátase de terras baixas, a menos de 500 m de altitude, predominantemente de carácter chairo e con numerosas brañas e terreos brañentos que ata agora non foron moi estudados. Neste artigo analizamos as diferenzas na perda de hábitat entre un caso de cambio de uso por actividades humanas e un caso de sucesión natural da vexetación.
CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 22
Os cambios no medio ambiente son habituais, e o lobo ibérico adáptase a eles mediante a modificación das súas respostas fisiolóxicas. Por iso é tan importante estudar o seu estado de saúde, xa que isto permite entender mellor como lle afectan as alteracións humanas do seu medio, a dispoñibilidade de alimento, a calidade da dieta ou a presenza de parasitos. Coñecer a calidade de vida destas poboacións axúdanos completar a información científica necesaria para garantir a súa conservación e asegurar que o lobo ibérico poida seguir cumprindo o seu papel esencial nos ecosistemas da Península.
CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte
Páx. 24
Aínda que a maioría dos mamíferos viven en terra firme, observalos en liberdade non é unha tarefa fácil. As cámaras trampa, coa súa discreta presenza, capturan os seus segredos. No presente estudo colocáronse cámaras trampa no Parque Natural Os Montes do Invernadeiro (Ourense), onde se obtiveron numerosos rexistros dos mamíferos da zona. Os resultados revelaron que factores como a temperatura, o tipo de hábitat e as fases lunares inflúen na probabilidade de detectalos. Identificar estas condicións óptimas non só mellora o coñecemento sobre a fauna silvestre, senón que permite optimizar o esforzo e eficacia nos estudos de campo.