Páx. 21-23
Ata finais dos anos cincuenta do século pasado, Os Praceres era un idílico enclave da parroquia de Lourizán, na ría de Pontevedra. A súa beleza atraía ilustres visitantes e dinamizaba a economía local, baseada na actividade marisqueira e no incipiente turismo. No ano 1958 o réxime de Franco decidiu, malia a protesta da veciñanza, facer un recheo de 50 ha sobre a ría, e construír o complexo Ence-Elnosa para a fabricación de pasta de papel e cloro. Estas instalacións levan degradando os valores ambientais e paisaxísticos da comarca durante 65 anos. A oposición cidadá segue sendo intensa pese á propaganda corporativa e as presións exercidas pola empresa. Co obxectivo de visualizar o potencial deste territorio tras a marcha da fábrica, a Asociación Pola Defensa da Ría e a Escola de Arquitectura da Coruña colaboraron na elaboración dunha proposta para a re-naturalización do ámbito ocupado polo complexo industrial.
Páx. 35-37
A campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos! logra reunir os fondos necesarios para recorrer vía contencioso-administrativa no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza un total de 26 proxectos eólicos que, de chegar a instalarse, causarían danos irreversibles sobre o medio ambiente e o patrimonio de Galiza. Trátase dun fito histórico ao que hai que sumar os éxitos xa acadados nos tribunais por parte de ADEGA fronte ao macropolígono Campelo-Bustelo-Monte Toural e o parque Serra do Iribio.
CERNA Nº 89 - Cabalos Salvaxes en Galiza
Páx. 5-8
Recentemente a prensa facíase eco dos resultados dun proxecto de investigación que presenta os casos de éxito no desenvolvemento das enerxías renovábeis en España, entre os que aparece unha experiencia galega: a de Muras, na Terra Chá luguesa, un concello no que hai 153 aeroxeradores dentro da Rede Natura. Non semella que esteamos diante dun modelo que sirva para extraer boas prácticas encamiñadas á conservación da biodiversidade, ao respecto dos valores naturais dos ecosistemas e á consideración dos intereses das comunidades locais.
CERNA Nº 89 - Cabalos Salvaxes en Galiza
Páx. 9-10
Nas últimas décadas as enerxías renovables experimentaron un progreso significativo, ao que contribuíu especialmente a produción eólica. Diversos países, entre os que se atopan China ou Estados Unidos, pero tamén a India, Alemaña ou España, fixeron de panca para o seu crecemento. En España, apenas catro comunidades destacan por ter liderado este proceso, cunha dimensión normativa variada e un tratamento fiscal diferente. Este último é un elemento importante, a sabenzas de que malia que a produción de enerxía eólica poida ser menos prexudicial que outras fontes, non é inocua, xera externalidades negativas e produce impactos ambientais, económicos e sociais que deben ser compensados.