Páx. 28-31
Como consecuencia das diferentes actividades humanas xéranse unha serie de augas residuais que representan para a colectividade un perigo sanitario e ocasionan un grande problema para a súa eliminación. Os elementos contaminantes e a súa concentración dependen da orixe das augas e varían ao mesturárense unhas augas con outras.É preciso un plano de residuos galego onde a xestión dos residuos orgánicos se conciba de maneira global e integral, aproveitando as posibilidades e beneficios que a combinación de diferentes tipos de residuos pode ter. Nunha terra coma a nosa, coas necesidades evidentes de materia orgánica para manter os niveis de fertilidade e prever a erosión, non se concibe que non se dedique un mínimo de reflexión ao aproveitamento de residuos orgánicos.
Páx. 32-33
O debate acerca do uso dos lodos de depuración na agricultura é unha realidade internacional. Desde o punto de vista de reutilización e o tratamento axeitado dos lodos, a aplicación ao terreo ten importantes vantaxes, xa que é considerada unha opción moi segura, unha alternativa ao uso de fertilizantes inorgánicos, e moi beneficiosa na restauración de solos. Por outra banda, grupos de consumidores, veciños e agricultores consideran que a seguridade no uso dos lodos é incerta ou mesmo causa situacións de grave risco ambiental e sanitario. A permisiva e confusa normativa actual e a falta de transparencia na xestión non axudan a clarificar esta situación.
Páx. 34
A falla de planificación na xestión de lodos de depuradora e de plantas de tratamento específico no noso país está a fomentar nos últimos anos as queixas de comunidades de veciños afectadas polos vertidos directos dos lodos de depuración nas terras de cultivo e nos montes. Veciños das parroquias próximas ao lugar dos depósitos néganse a soportar os fortes cheiros que se desprenden dos lodos tras o seu vertido, e dubidan das consecuencias que estas prácticas poidan ocasionar, en termos de contaminación, sobre os terreos e sobre os acuíferos dos que se abastecen.
Páx. 36-39
A relación que as persoas manteñen co contorno inmediato ten sido de explotación e esquilmación. Hoxe en día existen numerosas evidencias de que este modelo de desenvolvemento non é viábel nin tan sequera a curto prazo.A educación ambiental é unha disciplina teórico- práctica, de reflexión e de acción, que cre na capacidade de resposta nas sociedades humanas para configurar unha orde social ambientalmente sustentábel e socialmente xusta.Unha atenta viaxe por Galiza adiante permite comprobar a cantidade de centros que existen dedicados á divulgación do noso patrimonio mais xurde rapidamente a seguinte pregunta: sendo tantos, como é que resultan tan invisibles?
Páx. 40-41
O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza, nado en 1992 mais que non comezou realmente a andar até 2001, presentou recentemente a súa Memoria de Actividades 2001-2005. Este período coincide coa dirección do CEIDA por parte de Carlos Vales, motivo polo que o entrevistamos para Cerna. Experto en bioloxía da conservación, en particular dos sistemas forestais e dos bosques autóctonos galegos, Carlos Vales foi secretario xeral de ADEGA e conta con varios libros publicados sobre problemas ambientais de Galiza. Forma parte da Comisión de Educación e Comunicación da UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) e da sección de Ciencia Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega.
Páx. 42-44
A configuración xeográfica da Terra de Caldelas dá lugar a áreas cunha forte contraste, como o demostran os máis de mil metros de desnivel entre o río Sil e os altos de San Mamede. Porén, a comarca ofrécenos espazos para gozar de lugares nun medio de transporte ecolóxico e saudábel como a bicicleta. Propoñémosvos un paseo pola terra da bica, o licor café e a vaca caldelá, sempre vixiados dende os altos da serra polo lobo e a aguia real.