Páx. 20
Lira foi unha das localidades galegas máis danadas pola catástrofe do Prestige de hai 3 anos. Ten arredor de 1.000 habitantes e máis do 35% da súa poboación vive do marisqueo e da pesca. MardeLira presentou na Asemblea de ADEGA o proxecto sobre a primeira reserva mariña de Galiza, que tamén é da fachada atlántica do Estado español. Cunha superficie de 1.700 Ha, foi promovida polos propios pescadores de Lira, dentro do proxecto de desenvolvemento da zona MardeLira.
Páx. 21-23
O obxectivo da investigación era proporcionar información ampla e relevante para a toma de decisións de xestión daqueles espazos de montaña ecolóxica e socialmente máis valiosos. Os resultados cuantitativos obtidos demostran que a conservación e mellora na calidade dos nosos montes non só é viábel economicamente senón que ademais é socialmente desexábel. Se algo temos de resaltar, é a necesidade, percibida por ambos colectivos -demanda e oferta (propietarios de montes e poboación metropolitana galega)-, dun cambio nas política de desenvolvemento rural que sexa capaz de satisfacer as novas necesidades das sociedades modernas. Neste novo contexto os espazos de montaña poden proporcionar oportunidades de desenvolvemento e mellora na calidade de vida para as persoas das urbes.
Páx. 24-26
O calo Toruiñán, situado na Costa da Morte dispútalle o posto ao cabo da Nave por ser o punto máis occidental peninsular. Esta área foi núcleo de numerosos accidentes, que quedarían gravados na retina de varias xeracións de mariñeiros. Neste roteiro percorremos desde Frixe ata o Cabo Touriñán, espazos propostos para a Rede Natura 2000, pero tamén unha parte máis vencellada ás lendas e esencia da Costa da Morte.
Páx. 27
Estes días estamos á escoitar diferentes opinións acerca da planta de cría de rodaballo que Pescanova pensaba instalar en terreos da Rede Natura no Cabo Touriñán. Segundo confesan os veciños, vendéronlle as terras a 1 euro/metro cadrado (350.000 metros cadrados) coa esperanza de teren traballo na planta. As declaracións dunha das veciñas de Touriñán abraioume especialmente: "Nós nin sabiamos que isto era Rede Natura. O que nós queremos é que os nosos fillos non teñan que emigrar como fixeron tantos outros"
Páx. 28-29
Sabías que eses eucaliptos que se plantan en solos degradados pola utilización de maquinaria pesada que altera os seus horizontes acelerando a erosión teñen unha certificación "ecolóxica"? Sabías que esas extensas plantacións nas que a vexetación acompañante foi eliminada coa aplicación masiva de herbicidas son o paradigma declarado de sustentabilidade ambiental? Sabías que a empresa que derrubou o prezo do eucalipto ate rozar os 10 euros por tonelada, é na que máis do 80% do emprego é da peor precariedade, é modelo de sustentabilidade social? Non é broma, estamos á falar de NOR-FOR,a filial forestal de ENCE, ambas posúen certificación FSC.
Páx. 30-32
Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) interviu na lección inaugural da Asemblea Xeral de ADEGA para facer unha revisión histórica deste movemento ecoloxista desde a súa aparición tras o levantamento do complexo ENCE na cidade do Lérez ata a actualidade. Definiu o nacamento de APDR, coma a resposta ao fin dos prexuízos ambientais que se derivaron desde a instalación do complexo.