Inicio / Números anteriores / Proxecto de re-naturalización dos terreos ocupados por Ence...
Páx. 21-23
Ata finais dos anos cincuenta do século pasado, Os Praceres era un idílico enclave da parroquia de Lourizán, na ría de Pontevedra. A súa beleza atraía ilustres visitantes e dinamizaba a economía local, baseada na actividade marisqueira e no incipiente turismo. No ano 1958 o réxime de Franco decidiu, malia a protesta da veciñanza, facer un recheo de 50 ha sobre a ría, e construír o complexo Ence-Elnosa para a fabricación de pasta de papel e cloro. Estas instalacións levan degradando os valores ambientais e paisaxísticos da comarca durante 65 anos. A oposición cidadá segue sendo intensa pese á propaganda corporativa e as presións exercidas pola empresa. Co obxectivo de visualizar o potencial deste territorio tras a marcha da fábrica, a Asociación Pola Defensa da Ría e a Escola de Arquitectura da Coruña colaboraron na elaboración dunha proposta para a re-naturalización do ámbito ocupado polo complexo industrial.