Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

30/06/2023   [00:10:00]   [6.72 MB]

Boletín informativo ambiental 30/06/23

A campaña de doazóns "Ti podes paralos!" contra a depredación eólica de Galiza segue evolucionando favorablemente e acadando varios dos obxectivos marcados. ADEGA suma esta semana 3 campañas máis de micromecenado para levar os macroproxectos eólicos especulativos autorizado pola Xunta aos tribunais. Namentres, a Xunta cambia de conselleiro de Industria, Greenalia intenta desacreditar ao TSXG, e a Ministra Ribera dá 6 meses máis de prórroga ás promotoras eólicas para obter as autorizacións de construción e actualiza o Plan Nacional de Enerxía e Clima. En Europa non chegan a acordo sobre a Lei de restauración da Natureza. Isto e moito máis en Radio Cerna!

23/06/2023   [00:10:00]   [6.91 MB]

Boletín informativo ambiental 23/06/23

A Xunta non gaña para sustos! Esta semana dúas novas sentenzas do TSXG declaran ilegal a política eólica do goberno galego. Un dos fallos anula o proxecto eólico Bustelo, o segundo de Greenalia, recorrido na xustiza por ADEGA. Outra das sentenzas paraliza cautelarmente o P.E. Lagoa II, de Zas e Santa Comba. A campaña "Ti podes paralos!" acada os 40.000 euros de achegas solidarias da cidadanía galega para conseguir anular ducias de complexos eólicos nos tribunais. Esta semana, ADEGA lanza tres novas campañas #TPP para presentar emprendar accións legais contra outros tres parques eólicos. Máis novas da semana se premes no audio!

16/06/2023   [00:10:00]   [6.67 MB]

Boletín informativo ambiental 16/06/23

Recentes sentenzas do TSXG conseguen deter proxectos industriais con alto impacto sobre espazos de elevado valor natural, como o fallo que anula o parque eólico de Campelo ou a recente suspensión cautelar da autorización da mina de feldespato, en Muras, a carón do Xistral. A campaña #TiPodesParalos de ADEGA consegue os primeiros 30.000 euros de doazóns no seu primeiro mes de recadación solidaria para tombar nos tribunais ducias de macroproxectos eólicos que exercerán danos irreversíbeis no territorio e que non obedecen a un modelo enerxético xusto, sustentábel e ordenado. Por outra banda, as pasteiras de Portugal seguen apostando por Galiza para o incremento do seu negocio do eucalipto e a agricultura ecolóxica, sen axudas da administración. Todos os detalles, no programa de Radio Cerna de hoxe!

02/06/2023   [00:10:00]   [7.05 MB]

Boletín informativo ambiental 02/06/23

Novo golpe xudicial contra a  política eólica da Xunta! A asociación ecoloxista ADEGA consegue tumbar nos tribunais o Parque Eólico Campelo de Greenalia, nos concellos de Coristanco e Santa Comba. Unha sentenza que cae como auga de maio para todos aqueles recursos que se pretendan presentar contra os novos proxectos eólicos autorizados pola Xunta. O Tribunal considera que o Campelo é unha fragmentación dun macroproxecto eólico de maiores dimensións nos que estarían relacionados outros dous polígonos eólicos: Bustelo e Monte Toural, tamén de Greenalia. Paralelamente, ADEGA pon a andar varias campañas de recadación colectiva "Ti podes paralos!" para precisamente frear a actual invasión eólica do país nos tribunais.

12/05/2023   [00:10:00]   [7.10 MB]

Boletín informativo ambiental 12/05/23

Comezan a aparecer publicadas no DOG as primeiras resolucións das 75 autorizacións de proxectos eólicos, outorgadas o pasado mes de abril pola Xunta. Os parques eólico Rodicio II e Monte da Croa xa están en tempo de desconto para a presentación de recursos contra ditas autorizacións. ADEGA anuncia que nos próximos días iniciará unha campaña de recadación solidaria para poder afrontar os recursos xudiciais contra varios destes proxectos, que considera antiecolóxicos, especulativos e socialmente inxustos. No mar, o Tribunal Supremo admite o recursos dos mariñeiros contra os plans de  ordenación dos espazos mariños do Estado, que son os que marcan onde colocar a eólica mariña. Mentres a ministra Ribera defende a compatibilidade dos eólicos mariños coa pesca, os demais grupos do Congreso retíranlle o apoio. Isto é só o comezo. Coñece máis novas da semana escoitando este programa de Radio Cerna.

05/05/2023   [00:10:00]   [6.32 MB]

Boletín informativo ambiental 05/05/23

ADEGA anuncia unha batería de recursos xudiciais contra a aprobación exprés de 75 macroproxectos eólicos por parte da Xunta que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural e adianta que porá a andar unha campaña de recadación colectiva para tal fin. Nesta semana tamén denunciu máis dunha ducia de plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral en zona de ampliación da Rede Natura e con hábitats prioritarios. A seca pon en garda aos profesionais de prevención dos lumes forestais, que seguen pedindo ser incorporados a tarefas de prevención durante todo o ano, cando está en marcha o anteproxecto dunha nova lei de incendios. Escoitarás en detalle estas e outras novas da semana, aquí en Radio Cerna!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal