Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

24/10/2025   [10:00:00]   [12.78 MB]

Boletín informativo ambiental 24/10/25

O voluntariado de ADEGA actuou esta pasada fin de semana nos montes queimados de Valdeorras para previr a erosión do solo e as escorrentías. E tamén esta fin de semana, ADEGA coordinou a décimo cuarta edición da Limpeza Simultánea de Praias, que reuniu máis de 800 persoas voluntarias en 22 concellos do litoral galego. Ademais, a Xunta anunciou que vai "flexibilizar" a moratoria das plantacións de eucalipto en Galiza. Máis de trinta comunidades de montes galegas veñen de ser recoñecidas polas súas boas prácticas en conservación da biodiversidade e prevención de incendios. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

17/10/2025   [10:00:00]   [12.68 MB]

Boletín informativo ambiental 17/10/25

Esta fin de semana, ADEGA e os concellos da Rúa, Petín, O Barco, O Bolo e Vilamartín de Valdeorras impulsan unha gran acción simultánea de voluntariado para restaurar zonas queimadas da comarca. Os datos máis recentes do programa europeo Copernicus contabilizan 171.000 hectáreas ardidas no noso país desde o inicio do verán. O vinculado aos incendios non é o único voluntariado desta fin de semana. ADEGA tamén impulsa a XIV Limpeza Simultánea de Praias en 22 concellos da costa galega baixo o lema “Únete á marea!”. Ademais, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e outros 23 colectivos do sector do mar denuncian as verteduras recorrentes na Pobra do Caramiñal. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

09/10/2025   [10:00:00]   [12.58 MB]

Boletín informativo ambiental 10/10/25

Lumes técnicos en Rede Natura, a proposta da Xunta para previr incendios forestais. ADEGA organiza as primeiras xornadas de voluntariado para a restauración ambiental de zonas queimadas da comarca de Valdeorras. As plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa anuncian unha nova manifestación nacional contra o proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, que se celebrará o domingo 14 de decembro en Compostela. ADEGA-A Coruña presentou alegacións ao proxecto de urbanización no Monte Mero, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, por considerar que carece da transparencia e participación necesarias e que pode ter un impacto negativo sobre o medio ambiente e a veciñanza. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

02/10/2025   [10:00:00]   [12.54 MB]

Boletín informativo ambiental 03/10/25

Comeza a batalla xudicial fronte a Altri: ADEGA, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a CIG presentan recursos xudiciais contra o procedemento de concesión de augas solicitado pola multinacional. Bombeiros Forestais do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios da Galiza alertan das “moi malas previsións” de risco de lumes para os vindeiros veráns na faixa atlántica do país. Unha información de Praza.gal libera os datos de incendios ocultados pola Xunta: entre o 1 e o 18 de agosto, houbo un total de 447 incendios forestais, a meirande parte deles entre A Coruña e Pontevedra; e os máis destrutivos en Ourense. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

25/09/2025   [10:00:00]   [12.29 MB]

Boletín informativo ambiental 26/09/25

Novo revés para Altri: o Goberno do Estado négalle a conexión á rede que a pasteira precisa para desenvolver a súa actividade na Ulloa. O Partido Popular galego veta unha investigación política da vaga de incendios. Enxeñeiros forestais da Xunta reclaman ao Goberno galego que prorrogue de maneira indefinida a moratoria ás novas plantacións de eucalipto. Máis de 800 persoas participaron este pasado domingo na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos organizada por ADEGA a través do seu Proxecto Ríos. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

18/09/2025   [10:00:00]   [12.80 MB]

Boletín informativo ambiental 19/09/25

A vaga de incendios do pasado agosto deixou a maior pegada da historia sobre a Rede galega de espazos protexidos: arrasou preto de 38.000 hectáreas en Rede Natura, que supón o seu 11%. ADEGA anuncia que solicitará ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que impida o cambio de usos nos terreos queimados ameazados por proxectos eólicos. E nas rúas, milleiros de persoas acudiron á chamada da Plataforma por un monte galego con futuro este pasado domingo en Compostela. E esta fin de semana, Galiza volverá mollarse polos ríos. A través do Proxecto Ríos, ADEGA impulsa a XVIII Limpeza Simultánea, que mobilizará case 70 entidades en 51 concellos de todo o país. Un informe alemán estima que a seca histórica do pasado verán supuxo xa unhas perdas de 850 millóns de euros en Galiza. Isto e máis, en Radio Cerna! 

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal