28/05/2021 [00:10:00] [6.92 MB]
Uns 50 colectivos de diversa índole convocan para o Día mundial do Medio Ambiente unha gran manifestación contra o actual modelo eólico que pretende inzar de aeroxeradores todo o territorio galego. A sacudida eólica que está a sufrir o país está espertando un rexeitamento social contra os proxectos eólicos que se leva manifestando nas últimas semanas a través de marchas locais e outros actos reivindicativos, como a andaina polo Suído, o recital nos penedos de Traba e Pasarela ou o roteiro polos montes de Brión. O caso do Eume volve resoar pola multa e indemnización de 2 millóns de euros que a Xunta lle reclama pola grave contaminación sufrida polo río o pasado mes de agosto. Isto e moito máis no programa Cerna de hoxe!
21/05/2021 [00:10:00] [6.90 MB]
Enerxía eólica, posible neglixencia da Xunta no ámbito forestal, xabaril e lobo... algúns dos temas sobre os que pivotou esta semana a actualidade ecoloxista de Galiza. Animámoste a escoitar a información completa.
07/05/2021 [00:10:00] [6.91 MB]
Seguimos abordando a actualidade ambiental de Galiza na que ultimamente sobresae a cuestión eólica. Nesta semana, a nova foi a información negativa da Xunta a algúns dos proxectos en tramitación. Se queres máis detalles, escóitanos!
30/04/2021 [00:10:00] [6.90 MB]
Algunhas das novas que nos deixa a semana: O Senado aproba a lei de cambio climático, o goberno estatal frea o depósito de áridos a carón da illa Sálvora e comezan a agromar as mobilizacións presencias en contra dos macroproxectos eólicos. O activismo ecoloxista rexorde en contra do que xa se denomina o novo "espolio" do territorio galego. Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!
22/04/2021 [00:10:00] [6.92 MB]
No día posterior ao Día da Terra repasamos a actualidade ambiental galega, que volve estar protagonizada polos macroproxectos eólicos, os fondos next generation e a moratoria forestal. A sorpresa da semana: Ence valora mudar de emprazamento, pero non agora. Se queres saber máis, escoita!
16/04/2021 [00:10:00] [6.90 MB]
O impacto dos novos proxectos eólicos na sociedade galega está a facer agromar novas plataformas que reivindican a defensa do rural. Nos últimos días nas comarcas do Deza e Bergantiños. Os sindicatos agrarios alertan das consecuencias para o agro, e, por primeira vez, alcaldes do PP din non ao actual modelo eólico. Tamén se manifestan os órganos xestores de Reservas da Biosfera (Mariñas-Terras do Mandeo), consellos regulares e selos denominación de orixe... Alén da revolución eólica, este espazo tamén se fai eco do informe de Ence sobre a contaminación por mercurio do recinto de Elnosa.