02/11/2023 [] [7.22 MB]
Unha empresa andaluza proxecta tres parques eólicos fronte á costa da Mariña; e en terra, máis de 80 profesionais e grandes figuras da cultura e ciencia asinan o Manifesto Acibal contra o espolio eólico dos montes. Ademais, 21 explotacións mineiras en Galiza están en situación irregular, segundo o Observatorio Ibérico da Minaría. Tres sociedades científicas denuncian os impactos ambientais do proxecto de modernización dos sistemas de rega na Limia; e a UNESCO tacha a iniciativa de praia fluvial sobre o Miño de "acción destrutiva". Todo isto e máis, en Radio Cerna! Dálle ao play!
27/10/2023 [] [7.09 MB]
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paraliza cautelarmente o polígono Acibal, situado en Barro, Campo Lameiro e Moraña. Esta sentenza supón un novo golpe xudicial para a política eólica da Xunta nun momento no que manobra coa lei para procurar "blindar" o seu modelo a través das declaracións dos proxectos de "interese público superior". Mentres, a campaña Ti Podes Paralos! lanza un novo desafío para frear o P.E. Zamorra, en Agolada. Mantense a guerra aberta entre a Xunta de Galiza e o Goberno español a conta das competencias sobre o litoral; e o xacinto de auga ameaza a biodiversidade galega. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
20/10/2023 [] [7.07 MB]
A patronal eólica volve cargar contra a Xustiza e os colectivos ecoloxistas polas anulacións e suspensións cautelares de polígonos eólicos en Galiza. Mentres, ADEGA alerta que a lei de beneficios sociais da Xunta pode acabar nun lavado de cara para o lobby eólico, mineiro e pasteiro. Ademais, Iberdrola, Naturgy e Endesa pagan máis de medio millón de euros ao ano para influír nas políticas europeas segundo unha investigación internacional. A Xustiza paraliza cautelarmente a explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo; e Galiza vive o seu peor incendio do 2023 na Mariña. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
06/10/2023 [] [7.10 MB]
Medio século despois, a central térmica das Pontes deixa de queimar carbón. Apágase un símbolo industrial e cesa unha das maiores fábricas de cambio climático de Europa. Ao tempo, xa son 40 os recursos contra parques eólicos que chegaron ata o de agora ao TXSG. Tamén esta semana se publicou un informe que indica que o 78% de Galiza respirou aire contaminado por ozono ao longo deste ano. Primeira semana coa Lei de Benestar Animal en vigor. Todo isto e máis, neste novo programa de Radio Cerna. Escoita!
29/09/2023 [] [7.15 MB]
A Xunta de Galiza acumula frontes abertas nos xulgados en materia medioambiental, a conta do modelo eólico, a mina de San Finx e a cidade deportiva do Celta en Vigo. Ademais, esta semana toca dicir adeus á purpurina e demais produtos con microplásticos engadidos intencionadamente. ADEGA iniciará unha campaña informativa sobre a situación da xestión de residuos na Coruña e As Mariñas; mentres a sociedade galega volveu mollarse polos ríos un ano máis a través da Limpeza Simultánea de Ríos impulsada por ADEGA. Isto e máis, no novo programa de Radio Cerna!
22/09/2023 [] [7.09 MB]
A campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos! contra a depredación eólica lanza unha nova plataforma (https://retotpp.heroes.help) para que calquera persoa poida reunir fondos para a causa a través de retos persoais. Auditores da Unión Europea poñen en dúbida que a eólica mariña sexa inocua para o medioambiente. O Consello da Cultura Galega alerta de que o eucalipto provoca unha perda de biodiversidade e urxe medidas. A emerxencia cinexética declarada pola Xunta é unha decisión "improvisada" e "acientífica", segundo ADEGA. Todo isto e máis, en Radio Cerna!