ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe ao Ministerio cumprir a súa propia...

25-10-2022

ADEGA esixe ao Ministerio cumprir a súa propia moratoria e deixar de admitir a trámite parques eólicos mariños

Malia a que en xuño de 2021 o Estado aprobou unha moratoria para a admisión a trámite de novos parques eólicos mariños, outra instalación "Galwind" de 1000 MW vén de iniciar o seu percorrido administrativo, e xa non é a primeira nin semella que sexa a última...

Para evitar unha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvento racional do sector eólico no mar, aínda pendente de ordenamento, diversas organizacións participantes na "Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" solicitamos ao Ministerio unha moratoria mentres non se aprobe o POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) así como un regulamento propio para a produción de electricidade no mar.

O Estado accedeu no verán de 2021 a introducir, através dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga, o "Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua", unha disposición adicional terceira con este texto:

Disposición adicional terceira. Solicitudes de autorización administrativa de instalacións presentadas ao abeiro do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial

  1. Dende a entrada en vigor deste real decreto lei, e até a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo das instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de superficie de reserva de instalacións de xeración eólica mariña no marco do procedemento establecido no título II do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.
  2. Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña ao abeiro do disposto no artigo 32 do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.

Parque eólico Galwind

Porén, dende aquela iniciaron a tramitación administrativa cando menos dous parques eólicos mariños, o "Nordés", de 1200 MW e agora o "Galwind" de 1000 MW, ambos os dous na fase de consultas previas para a elaboración do documento de alcance. Malia a que a solicitude de elaboración do documento de alcance é potestativa para as promotoras, na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental (arts. 33 e 34) considérase que este documento é parte dos trámites da avaliación de impacto ambiental ordinaria e precisa da emisión dun ditame administrativo. E o trámite ambiental ao que da inicio o documento de alcance é unha parte imprescindíbel da solicitude de autorización administrativa destas instalacións, afectada pola moratoria.

Porén, as promotoras seguen a enviar á administración os seus proxectos para, semella, ir "adiantando trámites" en contra desta moradoria decretada en xuño de 2021, nun exercicio de filibusterismo eólico que conta coa comenencia administrativa.
E isto é o verdadeiramente grave: que o Estado, contravindo a súa propia norma, está a comprometer tempo e recursos públicos en tramitar os documentos de alcance destes proxectos, en troques de presentar xa unha planificación e aprobar as normas precisas para o desenvolvemento sustentábel do sector.

ADEGA esixe á administración do Estado que desbote tramitar tanto o proxecto "Galwind" como calquera outra instalación eólica no mar de Galiza, mentres non aprobe o POEM e un marco normativo específico para o sector.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal