ADEGA

Inicio / Buscador / Grande parte dos residuos que SOGAMA envía a...

13-09-2016

Grande parte dos residuos que SOGAMA envía a vertedoiro incumpren os límites legais de contaminantes

Perante os diversos intentos de SOGAMA de 'deslocar' o seu vertido de residuos a outras ubicacións diferentes da Areosa (Trazo, Ordes...) ADEGA requeríu da administración a caracterización destes refugallos. A crecente preocupación da poboación situada nos arredores destes novos vertedoiros estaba xustificada: a prática totalidade dos refugallos analisados incumpren cos mínimos legais de contaminantes (Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construcción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galiza).

Residuos perigosos (cinzas), escouras, inertes, rexeites da planta, etc. que teñen como destino diversas ubicacións dentro e fóra do complexo de SOGAMA en Cerceda, non son sequera aptos para seren depositados nun vertedoiro. Malia a superárense os límites fixados pola lexislación, SOGAMA estivo verténdoos durante anos nas súas instalacións da Areosa (Cerceda), así como noutros lugares que agora pretende ampliar.

A razón é o case ateigamento do macro-vertedoiro da Areosa que segundo calculamos, acolle xa arredor de 5 millóns de toneladas de lixo. SOGAMA precisa máis espazo para verter tanto o lixo non tratado como os rexeites da planta, escouras, inertes (vidro e outros materiais) e mesmo residuos perigosos (cinzas da incineradora). De aí os diversos proxectos, máis ou menos camuflados como instalacións de "reciclaxe" que están a xurdir nos últimos meses.
Casos como a "planta de reciclaxe" de escouras proxectada para Trazo e finalmente abandonada polo promotor; ou o vertedoiro de inertes e residuos da construción previsto na parroquia de Lesta (Ordes), no que por certo a palabra SOGAMA non aparece por ningures, evidencian a dimensión do problema que SOGAMA ten para desfacerse da inxente cantidade de residuos que produce.

ADEGA sospeitaba da natureza "inocua" dos refugallos que SOGAMA quere colocar polo país adiante, e con razón. As analíticas ás que tivemos acceso demonstran que cando menos dende 2010, todos os tipos de refugallos enviados a vertedoiro non cumprían cos límites fixados pola normativa galega, estatal e europea.

Unha vez máis ponse en evidencia o perigoso do modelo SOGAMA, baseado na incineración e o vertido, que a Xunta teima en defender a costa da saúde do medio ambiente e das persoas. Esas mesmas persoas e ambiente sobre o que non dubida en verter refugallos altamente contaminantes incumprindo a normativa. Coma unha metástase maligna, SOGAMA quere "socializar" o vertido do seu lixo tóxico promovendo novos vertedoiros fóra do seu "complexo" de Cerceda. Agora son as comarcas veciñas, mais despois estes polos contaminantes poderán xurdir en calquera lugar do país onde haxa concellos cómplices e unha cidadanía despistada.

En ADEGA seguiremos denunciando este auténtico atentado ecolóxico e reclamando da Xunta que cumpra coa normativa ambiental, algo que como ben sabe, resulta imposíbel no caso de SOGAMA. Tamén instamos á veciñanza a estar atenta e a denunciar calquera proxecto que pretenda levar ao seu territorio os vertedoiros "en B" de SOGAMA.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal