12-09-2017
O PP vén de presentar no Parlamento pola vía de urxencia a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza. A norma é un auténtico caixón “desastre” que modifica pola porta de atrás outras disposicións (como as famosas "leis de acompañamento” dos orzamentos), coa intención de remover atrancos de todo tipo, a costa das garantías ambientais, do interese xeral e da participación pública.
Dende a xustidicación da urxencia coa que o PP quere que se tramite esta norma, fica explícito que a intención é de que “ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia”. A profunda modificación que sufren normas como a lei da minaría a lei eólica, ou a lei de montes, sempre no senso de reducir a participación pública e mesmo o papel doutras administracións da tramitación de proxectos de fondo impacto sobre o territorio, non xustifican esta tramitación express. Dende cando o dereito á participación cidadá o bo goberno e a transparencia nos procedementos administrativos son considerados polo PP como “trabas”?
A respeito da transparencia, na mesma exposición de motivos recóllese que “na elaboración desta norma promoveuse a máis ampla participación da cidadanía en xeral”. Ula?
Non parece que acudir á vía da urxencia sexa o tampouco millor xeito de promover dita participación, nen sequera do organismo lexislativo, na tramitación dunha norma de tanto calado. Coa aprobación desta lei, a Consellaría de Industria mete baza alén de na lexislación propia, no medio ambiente, nos montes, no patrimonio, no tratamento dos residuos, ou na xestión hidráulica, ficando como máximo órgano substantivo e arrogándose a potestade de decidir sobre aspectos chave doutras planificacións sectoriais.
Os proxectos industriais estratéxicos: máis facilidades para eludir os controis
Están regulamentados no Decreto Lexislativo 1/2015 (cap. III, arts. 78-80). A modificación que introduce o artigo 16 desta norma reduce de 50 a 20 millóns de € o volume de investimento para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos supostamente criados. Lembremos que a declaración dun proxecto industrial como estratéxico implica: a non suxeición a licencia urbanística, a declaración de utilidade pública, a prevalencia sobre outras utilidades públicas e a incidencia supramunicipal, así como a adxudicación directa de solo e subvencións.
Autorizacións de instalacións de enerxía eléctrica: tramitación exprés sen información pública
O artigo 38 exime do trámite de información pública a determinados proxectos de instalacións eléctricas que, non solicitando a utilidade pública tampouco requiran unha avaliación ambiental ordinaria. Non terán que someterse a información pública:
a) Liñas cunha tensión igual ou inferior a 30 kW !?. Curioso que fale de tensión e indiquen as unidades en watios (potencia).
d) Instalacións de autoconsumo de potencia superior a 100 kW. Eiquí as unidades están ben empregadas, mais por que de potencia superior a 100 kW? Non debería ser inferior, para deste xeito eximir de trámites e facilitar o autoconsumo doméstico?
Planta de compostaxe: a constatación do fracaso de SOGAMA
Esta disposición (adicional segunda) fala de facer compost cos residuos orgánicos dos concellos próximos á planta, o que implica que nestes concellos a materia orgánica debería ser recollida separadamente. É dicir que terán que implantar un sistema similar ao de Lousame (Mancomunidade do Barbanza) ou Nostián (A Coruña e Consorcio das Mariñas). Ademais, o tratamento desta fracción orgánica tería un custo de 45€//tonelada, lonxe dos 74€ que pagan polo "tratamento" do recollido no contentor verde –coa materia orgánica mesturada- os concellos aderidos ao modelo SOGAMA.
A transcendencia desta disposición é capital: Aínda que de xeito testemuñal (só 15.000 toneladas/ano e nunha única instalación) e pola porta de atrás, a Xunta vén de certificar tras 20 anos o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración, promovendo a compostaxe a gran escala e abrindo a posibilidade de implantar nos concellos a recollida selectiva de materia orgánica.
Xurde xa que logo a pregunta: por qué entón non se estende a recollida selectiva e a compostaxe, máis barata e ecolóxica, ao resto dos concellos do país?
Lei de Conservación da Natureza: máis retalladas á Rede Natura
Modifícase o punto 2 do artigo 16 da Lei 9/2001 de conservación da natureza, referida ás zonas de especial protección dos valores naturais (agora ZEC) da Rede Natura. Introdúcese unha excepción para os aproveitamentos madeireiros, que non precisarán de autorización de Medio Ambiente e só se rexerán pola Lei de Montes. Deste xeito, equipáranse estes usos (cortas, plantacións...) aos tradicionais, podendo vulnerar artigos chave da Directiva 92/43/CEE de Hábitats, pola que se cría a Rede Natura 2000.
Esta manobra lembra á perpetrada en 2011 por Feijóo para declarar á acuicultura industrial “de utilidade pública de primeira orde” e tentar pontear a lexislación da Rede Natura.
Lei da minaría: Toda Galiza será unha mina sen apenas regulación
Esta norma modifica profundamente a Lei 3/2008 da minaría de Galiza, colapsando trámites, reducindo prazos e dando a Industria capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (medio ambiente, patrimonio, urbanismo...).
Modifícase o artigo 21 (referido no texto orixinal á información pública) para, entre outras cuestións:
-Que promotor poida solicitar a expropiación ou a utilidade pública xuntamente coa presentación do proxecto, sen agardar pola aprobación deste.
-Outorgar a utilidade pública no mesmo acto administrativo de resolución do expediente, dando a posibilidade á empresa de chegar a acordos cos propietarios para evitar a expropiación.
Modifícase o artigo 23, referido ás consultas ás administracións e información pública, no seguinte senso:
-Os informes preceitivos (Medio Ambiente, Augas e Costas, etc, así como os que Industria xulgue necesario para resolver), deixan de ser determinantes. No artigo orixinal citábanse os órganos ambiental, urbanístico e agrario, como preceitivos e determinantes. Agora aínda que estes informes sexan contrarios, se o criterio de Industria é outro, o proxecto segue adiante.
-Estes informes preceitivos referiranse só á existencia de usos de interese público que poidan colidir co interese público dos usos mineiros.
-O prazo para a emisión destes informes preceitivos baixa de 2 meses a 1 mes. Se os informes recíbense fóra de prazo non se terán en conta.
-Se os informes preceitivos non son relevantes ou non se reciben Industria poderá requerirllos ao órgano xerárquico superior do departamento que tería que emitilos. Se aínda así non se reciben, o procedemento continuará.
Lei eólica: os parques eólicos, onde e como diga Industria
Modifícase o artigo 16 (bonificacións do canon eólico) para reducir a porcentaxe de bonificación por substitución de aeroxeradores –repotenciamento-, que pasa a ser de x10 a x5 en función das máquinas eliminadas. Así se antes un parque reducíase en 10 aeroxeradores, a bonificación era do 100% e agora redúcese ao 50%.
Modifícase á tramitación administrativa dos parques eólicos (Título IV da Lei 8/2009) para:
-Introducir como excepción á prohibición de parques eólicos en Rede Natura as modificacións dos parques en funcionamento cando se reduzan nunha porxentaxe mínima do 50% os muíños. No artigo orixinal as excepcións por repotenciamento non tiñan porcentaxe mínima.
-Suprimir o antigo 34 da lei 8/2009 que fixaba os criterios de valoración para poder escoller entre diferentes solicitudes de proxectos. Entre eses criterios figuraban a menos afección ambiental, o compormiso de desenvolver un proxecto industrial, o compromiso de repotenciamento dos parques xa instalados. Xa que logo, estes condicionantes desaparecen.
-O proceso de expropiación dos montes veciñais en man común afectados por un proxecto eólico pasa a ser regulamentado por esta norma.
Introdúcense os “proxectos de especial interese” (Disposición adicional primeira): Os proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovábeis poderán ser declarados “proxectos de especial interese” polo Consello da Xunta. As consecuencias da declaración son a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución alén de que automaticamente considerarase prevalente a utilidade pública das instalacións. Porén, a redación desta disposición fai que poidan ser declarados “proxectos de intese especial” instalacións só eólicas, senon tamén calquera que xere electricidade a partir de renovábeis (biomasa, hidroeléctricas, solares...), malia a figurar na lei eólica.
Disposición adicional terceira. Infraestruturas de evacuación: Declárase a súa incidencia supramunicipal automática.
Lei 9/2010 de Augas: menos información pública
Modifícase o punto 3 do artigo 29 relativo ás obras hidráulicas para reducir de 30 a 20 días o prazo de información pública dunha obra hidráulica de interese.
Lei Montes de Galiza: talas e plantacións a discreción
Modifícase o artigo 92 relativo ás autorizacións para os aproveitamentos madeireiros, antes necesarias en todos os casos (con excepción do uso doméstico). Agora só hai que pedir autorización cando haxa frondosas autóctonas. Para o resto das especies, abonda cunha declaración responsábel.
Sobre a biomasa forestal, elimínase a necesidade de comunicación e o prazo 15 días de antelación do aproveitamento e substituíndoa, outra volta, por unha declaración responsábel.
A Xunta xeraliza o uso da declaración responsábel, particularmente na Lei de Montes mais tamén noutras normas. En moitos casos substitúe ao procedemento de solicitude de autorización/comunicación e suprime automaticamente os prazos de resolución, e noutros, tamén os de consulta e/ou exposición pública.
Neste senso a suposta “simplificación e normalización dos procedementos” así como a “optimización de reursos humanos” invocada na exposición de motivos , merma clarmnte o principio de tranparencia e os dereitos de información e participación da cidadanía.
En definitiva, esta proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais supón unha desregulamentación de facto, que elimina cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outrogarlle patente de corso a empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas. Socava profundamente o interese xeral modificando substancialmente a tramitación administrativa de determinados proxectos, e convertindo na práctica a Industria nun supra-organismo, un sultanato que impón o seu criterio por riba de calquera outra consideración. Fica tamén clara a intención do PP de abrir o país, tal como vén de facer a UE co CETA, aos fundos de investimento e á economía especulativa cuxos intereses primarán por riba do ambiente, da saúde e dos dereitos da cidadanía.
Na terminoloxía recentemente empregada por Feijóo, esta norma supón un “golpe de estado” autonómico que sitúa á Dirección Xeral de Enerxía Minas como segundo organismo con máis poder sobre o territorio despois do Consello da Xunta, funciinando como un apéndice dos grandes fundos de investimento.
Alianza Rural (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM), setembro de 2017
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal