Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA súmase á folga xeral do 11N por unha...
10-11-2026
Este mércores, 11 de novembro, ADEGA súmase á folga xeral por unha vi(ven)da digna para todas as persoas, polos dereitos laborais e polos servizos públicos. Faino desde o ecoloxismo social, porque non hai xustiza ecolóxica sen xustiza social. A crise da vivenda e a crise ecolóxica teñen a mesma orixe: un modelo económico que necesita crecer e xerar beneficio sen fin, aínda que sexa a costa das persoas e do territorio.
Ese modelo converte as casas en negocio e o territorio en recurso. En Galiza vémolo nos datos. En 2026, por primeira vez, hai máis persoas con varios bens inmobiliarios urbanos (vivendas, locais ou garaxes) ca persoas cun só ben, e nas cinco grandes cidades quen ingresa máis de 30.000 euros ao ano recibe o 59 % das rendas inmobiliarias declaradas, sendo só un terzo dos declarantes. A mesma lóxica que concentra as vivendas en menos mans é a que trata o rural como reserva para minas, eólicos ou celulosas.
O resultado é un país con casas abondo, pero mal usadas. Galiza ten 28.002 vivendas de uso turístico rexistradas, entre oito e nove por cada piso que os portais inmobiliarios ofrecen en aluguer. Nesta liña, cómpre termos presente que esta presión pode medrar se o país se consolida como refuxio climático nos vindeiros anos.
Para ADEGA, construír máis, tal e como se fai agora, tampouco resolve o problema. En 2025 visáronse 4.839 vivendas novas, pero o 73% concentrouse en dez concellos urbanos, metropolitanos ou costeiros, e a vivenda protexida apenas foi o 6% da iniciada entre 2020 e 2024. Ao mesmo tempo, 112 dos 313 concellos teñen entre un 30% e un 50% de vivendas baleiras, e ninguén sabe con certeza cantas son recuperables. Esas casas non cubrirán a demanda das cidades, pero si poden sustentar un rural vivo, con actividade agraria e forestal diversificada, servizos públicos e emprego.
Aproveitar o que xa está construído é tamén a opción máis sensata para o clima. Os edificios están entre os maiores consumidores de enerxía de Europa, e o parque galego é vello e ineficiente. Segundo o IGE, o 40% dos fogares vive en vivendas de 50 anos ou máis, un de cada catro ten humidades, o gasóleo é a primeira fonte de calefacción e a aerotermia apenas chega ao 2%. Nos últimos cinco anos só un 10% dos fogares illou fachada ou tellado. Construír de novo ten ademais un custo oculto, pois estimacións sitúan as emisións de fabricar os materiais e executar a obra na metade da pegada de carbono de toda a construción nova no mundo ata 2050. Polo tanto, rehabilitar debe ir antes ca edificar.
Pero rehabilitar sen protexer a quen vive nos barrios é expulsar. Máis da metade dos fogares que alugan considera os gastos da vivenda unha carga pesada, e se a mellora se traslada ao prezo, esa carga medra. Xa o vimos en barrios das nosas cidades onde os prezos subiron e marchou a veciñanza de sempre. Por iso a transición ecolóxica precisa contratos estables e alugueiros limitados.
ADEGA tampouco acepta que a urxencia sirva para rebaixar o control ambiental. A Xunta tramita os seus grandes proxectos de vivenda, con ámbitos de ata 43 hectáreas, mediante avaliación ambiental simplificada e informes pedidos con présa. Queremos vivenda pública, pero con avaliacións completas que analicen os efectos acumulados, sen que ninguén perda a súa casa por unha expropiación sen realoxamento no mesmo barrio e co aluguer público como norma.
Por todo isto, desde ADEGA reclamamos un censo oficial de vivenda baleira recuperable, límites á vivenda turística alí onde falta vivenda para vivir, un plan de rehabilitación enerxética que substitúa as calefaccións fósiles e empece polos fogares máis vulnerables, un parque público de aluguer permanente sobre solo público e a garantía de que ningún fogar quede sen subministracións básicas. Contra a especulación e a precariedade, o 11 de novembro paramos. A vida e o ben común, sempre por diante.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal