ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA - A Coruña denuncia a falta de interese das...

09-11-2026

ADEGA - A Coruña denuncia a falta de interese das administracións no transporte metropolitano na semana da posta en marcha da estación intermodal

ADEGA-A Coruña denuncia a despreocupación das administracións públicas polo transporte metropolitano, tanto en autobús como en tren, na semana da posta en marcha da estación intermodal da Coruña. Nos últimos días, a organización colocou varios carteis na zona para reclamar melloras urxentes neste eido e visibilizar as protestas da cidadanía, en aumento. A inauguración desta infraestrutura sen posibilidade actual de intercambio entre tren e autobús e sen conexión directa co aeroporto manifesta unha total falta de compromiso coa mobilidade sustentábel.

Non foi ata a semana anterior á inauguración cando a Xunta deu a coñecer a ruta que seguirían os autobuses para acceder á nova estación e as paradas que se verían afectadas polos cambios. As persoas usuarias habituais apenas tiveron marxe para se adaptar, e a única información facilitada pola empresa consistiu na colocación duns carteis no interior dos autobuses, unha medida claramente insuficiente e ineficaz. A isto súmase a ausencia de sinalización adecuada na vía pública que indique como acceder á intermodal. 

Esta situación provocou nos últimos días o aumento das queixas de persoas usuarias, nun contexto no que se veñen configurando desde o 2025 diversos colectivos cidadás para protestar polas numerosas queixas do servizo de transporte público metropolitano. Desde ADEGA-A Coruña mostran o seu apoio á recentemente creada plataforma “Queremos chegar”, que pretende unir todas as demandas das usuarias na comarca coruñesa. 

Demandas de ADEGA

Ante a absoluta falta de previsión na estrea dunha infraestrutura chave para a comarca da Coruña como é a intermodal, ADEGA demanda que se tomen as medidas oportunas e se revisen os contratos coas empresas concesionarias dos autobuses metropolitanos. Tamén que se empreguen as infraestrutura ferroviarias existentes para desconxestionar o transporte por estrada. A Xunta é coñecedora da situación do transporte metropolitano coruñés e, porén, non está a facer nada. Nin sequera sen ten reunido cos colectivos de usuarias para escoitar as súas demandas.

Desde a organización ecoloxista esiximos:

  • Aumentar frecuencias nas liñas con maior número de usuarias.
  • Máis prazas nos momentos de máxima afluencia como a primeira hora da mañán para as liñas que entran na cidade.
  • Coordinar os servizos de autobuses urbanos e interurbanos cos horarios do tren que permitan intercambiar entre o tren e bus sen grandes esperas.
  • Facilitar a entrada de bicicleta en todos os medios de transporte metropolitano.



POR UN TRANSPORTE PÚBLICO DIGNO!

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal