ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA súmase á campaña europea Stop Dirty Data...

06-11-2026

ADEGA súmase á campaña europea Stop Dirty Data Centers contra os centros de datos de hiperescala

Os días 6 e 7 de novembro, a plataforma Stop Dirty Data Centers desenvolve unha campaña a nivel europeo para amosar o problema dos centros de datos de hiperescala e as loitas que decenas de colectivos levan a cabo para frear a súa construción. A organización ecoloxista ADEGA súmase á iniciativa co obxectivo de traer o debate ao ámbito galego.

Toda construción industrial implica un impacto no entorno e na sociedade, e ese impacto debe valorarse en relación coa finalidade que motiva o proxecto. No caso dos centros de datos de hiperescala, a súa finalidade principal é adestrar os grandes modelos de linguaxe coñecidos como intelixencias artificiais: unha tecnoloxía que busca avanzar cada vez máis rápido, sen que exista un horizonte claro sobre cara a onde.

O prezo que pagan os territorios

Nas poboacións onde xa se instalaron estas megafactorías de datos, en ocasións do tamaño dun polígono industrial, a veciñanza sofre carestía eléctrica, escaseza de auga, ruído, calor e contaminación.

A pegada non remata no territorio de implantación. Os miles de ordenadores que funcionan nestas instalacións deben substituírse con frecuencia debido ao seu uso intensivo, o que esixe industrias mineiras extractivistas que arrasan territorios enteiros e deixan escasa ganancia tras de si, ademais de problemas de saúde para as persoas e o resto dos seres vivos durante décadas.

Ao final da súa vida útil, o refugallo electrónico segue sen solución e acaba nos grandes vertedoiros doutros continentes. Segundo ADEGA, a industria da IA, sen unha finalidade clara máis alá de acelerar o fluxo de capital cara ás persoas máis ricas, xa está incrementando a degradación do hábitat e da saúde das persoas.

A situación en Galiza

Galiza non soporta por agora ningún proxecto deste tipo, aínda que si se proxecta a construción de centros de datos de menor envergadura. Con todo, a presión das grandes tecnolóxicas estadounidenses aumenta, e diversas localidades da península xa se están a enfrontar a elas. A administración, lonxe de poñerlles freo, adoita ofrecer vantaxes fiscais e de tramitación, o que reduce as garantías para o entorno e para as persoas.

Desde ADEGA consideramos necesario facer visible este problema e levalo á palestra para sensibilizar a opinión pública e forzar a administración a tomar postura. É tempo de abrir un debate público sobre a súa necesidade, os seus custos ambientais e sociais e o modelo de desenvolvemento tecnolóxico que queremos e tamén de reclamar que non se promovan estas infraestruturas sen unha avaliación rigorosa das súas consecuencias.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal