ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ​ADEGA denuncia rozas con maquinaria pesada...

03-11-2026

​ADEGA denuncia rozas con maquinaria pesada nunha zona húmida en Castroverde

ADEGA vén de presentar denuncias ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), o Concello de Castroverde e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) polos traballos de roza con maquinaria pesada que se están a realizar na parcela coñecida como «O Xuncal», en Cellán de Mosteiro (Castroverde). A asociación advirte de que estas actuacións poderían estar a provocar afeccións sobre o dominio público hidráulico, fontes, terreos húmidos e a vexetación de ribeira, ademais de comprometer a conservación dun elemento patrimonial de especial interese: a igrexa vella de San Pedro de Cellán de Mosteiro.

Segundo a información recollida por ADEGA, os traballos poderían estar relacionados coa ampliación da explotación gandeira de Ganados José 2012, S.L., situada na mesma parroquia, que conta cun proxecto para a ampliación ata 1.616 prazas de cebo de vacún.

Risco para o Rego de Mosteiro: unha zona húmida que cómpre preservar

Na denuncia presentada ante a CHMS, ADEGA advirte de que a parcela está atravesada por un afluente do Rego de Mosteiro, á súa vez afluente do río Tórdea. Ademais, na súa contorna localízanse varias fontes, entre elas as do Xuncal, a Fonte do Torrón e a Fonte do Ouro. A asociación alerta de que os traballos de roza con maquinaria pesada, especialmente se implican movementos e remocións de terras, poden alterar o terreo, modificar a circulación natural da auga, afectar os afloramentos e as nacentes e provocar o arrastre de sedimentos cara ao regato.

O concello de Castroverde está integrado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, recoñecida pola UNESCO, cuxos obxectivos inclúen compatibilizar a conservación da biodiversidade e dos ecosistemas co desenvolvemento sostible das comunidades locais. Neste contexto, a protección dos cursos fluviais, das nacentes e das zonas húmidas resulta fundamental para preservar os valores naturais que motivaron este recoñecemento.

ADEGA lembra que a conservación das zonas húmidas cobra especial importancia no actual contexto de crise climática. Estes ecosistemas desempeñan funcións ambientais esenciais: reteñen e regulan a auga, favorecen a recarga hídrica, amortecen os efectos das chuvias intensas e contribúen a manter a biodiversidade.

Posibles danos á igrexa románica de San Pedro de Cellán de Mosteiro

ADEGA tamén puxo os feitos en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, xa que a finca se atopa na contorna inmediata da antiga igrexa de San Pedro de Cellán de Mosteiro, un ben de orixe románica que figura no Catálogo de bens protexidos do PXOM de Castroverde cun nivel de protección integral e que está vinculado á antiga estrutura monástica e ao seu adro-cemiterio.

A asociación lembra que os bens incluídos nos catálogos urbanísticos de protección forman parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e están sometidos a un réxime específico de protección, que tamén abrangue os seus contornos. Neste caso, unha roza con maquinaria pesada, con posibles remocións e movementos de terras, pode afectar non só á contorna visible da igrexa, senón tamén a posibles restos arqueolóxicos soterrados.

Petición ante o Concello para que comprobe a legalidade dos traballos

ADEGA pide que se aclare se as actuacións están amparadas pola licenza da explotación gandeira ou polo proxecto de ampliación da granxa ata as 1.616 prazas.

No caso de non existir autorización ou de que os traballos non se axusten á legalidade, a asociación reclama que a Alcaldía acorde a súa paralización inmediata e incoe o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.

ADEGA considera imprescindible que as tres administracións actúen de maneira coordinada e urxente, antes de que os posibles danos sobre as fontes, o regato, os terreos húmidos, a vexetación e o patrimonio cultural sexan irreversibles.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal