ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta adxudicou centos de peritaxes nos...

02-11-2026

A Xunta adxudicou centos de peritaxes nos litixios eólicos a unha consultora que traballou para a patronal eólica

Nos procesos xudiciais relativos ás autorizacións eólicas, tanto para as pezas separadas de medidas cautelares canto para os litixios principais, a Xunta achega na súa defensa informes asinados por funcionariado que ocupa postos de libre designación, facendo valer que goza de presunción de imparcialidade. Na súa condición como parte demandante en máis de 30 procesos de impugnacións de autorizacións eólicas, ADEGA tamén é coñecedora de que a Xunta de Galiza adoita achegar aos procedementos xudiciais outros informes periciais redactados por unha empresa privada, Atefor, S.L, destinados a rebater os informes técnicos achegados polas entidades demandantes.

ADEGA vén de constatar que a Xunta de Galiza externalizou masivamente a elaboración destes informes ambientais, adxudicándolle directamente a Atefor, S.L., sen concurso público, un total de 321 contratos menores de servizos por un importe global de 265.534,50 €.

Vínculos de Atefor S.L. coa patronal eólica

Atefor S.L. é unha empresa domiciliada en Madrid cuxo socio único é outra firma, Cubas de Don Luis, S.L., sociedade que ten por obxecto o arrendamento de bens inmobiliarios. Atefor S.L. redactou o documento de inicio ambiental do parque eólico “Afrende”, de tramitación estatal, proxectado nos concellos de A Estrada, Silleda e Forcarei, e promovido por Volantis Renovables, propiedade de Tasga Eólica, S.L. cuxo conselleiro delegado é Juan Jesús Berzosa Aránguez, vogal da Asociación Eólica de Galicia. O proxecto eólico Afrende comparte infraestruturas de evacuación e punto de conexión con proxectos eólicos (Outeiro Grande, Monte Festeiros) recorridos por ADEGA nos xulgados e para os que a Xunta contratou peritaxes a Atefor S.L. 

Temos pois que Atefor S.L., a empresa beneficiaria desa adxudicación masiva e a dedo de informes técnicos que a Administración galega achegou aos procesos xudiciais da eólica fronte aos argumentos dos colectivos ecoloxistas, non só é unha consultora que traballou para empresas da Asociación Eólica galega senón que tamén peritou para a Xunta proxectos vinculados con encargos previos da patronal para os que fixo o documento ambiental de inicio. 

Fica novamente acreditada a total identificación entre os intereses das eólicas e da Xunta, que asume como propios os argumentos da patronal, con desprezo absoluto pola imparcialidade administrativa e substentando a súa defensa en informes suscritos por funcionariado de libre designación e en informes redactados por unha empresa que tamén traballa para as eólicas.

Rueda argalla unha “Xunta en B” a través da privatización da función pública

Recentemente, vimos de coñecer que o executivo galego externalizou noutras dúas consultoras -UTE SGS Tecnos SAU e Acivro Consultoría de Medioambiente SL-, que tamén traballan para o sector enerxético e a patronal eólica, o seguimento e valoración das autorizacións ambientais integradas (AAI) vixentes de proxectos industriais cunha forte pegada ambiental no territorio. O goberno da Xunta está a externalizar de forma deliberada e opaca e de dubidosa legalidade a avaliación, seguimento e control ambiental de proxectos industriais, usurpando directamente funcións que teñen que ser executadas por funcionariado público que actúe con obxectividade e imparcialidade. Neste sentido, cómpre lembrar a sentenza 00094/2025 dictada polo TSXG e que ten firmeza por non ser recorrida pola Xunta de Galiza, por demanda interposta pola CIG, anula varios artigos do Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental. 

Este modus operandi do goberno Rueda é escandaloso por canto supón na práctica a existencia dunha administración privatizada e paralela, oculta para a cidadanía galega e volcada na defensa dos intereses privados e non do interese xeral na defensa do medio ambiente. 

Neste contexto, resulta oportuno recuperar as palabras da ex-conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, manifestadas tanto Parlamento de Galiza como nos medios, nas que insistía que “son os técnicos da Xunta os que determinan se os proxectos industriais, como o de Greenfiber (Altri) ou os parques eólicos son viables ou non ambientalmente”. Paradoxalmente, pedía que non houbese “inxerencias externas” para resolver a viabilidade técnica deses proxectos por parte do funcionariado público. 

A intensa acción privatizadora das funcións administrativas que denunciamos pon de manifesto o cinismo que subxace nas declaracións da ex-titular de Medio Ambiente, que intentan confundir a cidadanía, influir nos procesos xudiciais abertos, e que acreditan o compromiso férreo do actual goberno autonómico cos intereses privados, así como a inexistencia do máis mínimo atisbo de imparcialidade nas decisións administrativas que afectan ao medio ambiente.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal