30-10-2026
As rías galegas constitúen espazos de extraordinario valor ecolóxico, cultural e socioeconómico. A diversidade de hábitats e especies que albergan, xunto coa importancia das actividades tradicionais como o marisqueo e a pesca, fan destes ecosistemas un patrimonio natural que cómpre conservar. Co obxectivo de contribuír á súa protección, a organización ecoloxista ADEGA impulsa o proxecto Rías Vivas - Sur, co que busca achegar o coñecemento científico á sociedade e fomentar a participación activa na conservación do litoral.
O proxecto, subvencionado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda, a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e cofinanciado pola Unión Europea, aposta pola custodia mariña como ferramenta de conservación, e promove a colaboración entre administracións, entidades ambientais, profesionais do mar e a cidadanía. A través desta cooperación, o proxecto pretende poñer en valor os ecosistemas das rías, favorecer usos sustentables e mellorar o coñecemento sobre o estado de conservación do litoral.
Ao longo dos tres anos de duración do proxecto, a divulgación constitúe unha das principais liñas de actuación, mediante actividades dirixidas ao público xeral. Entre as propostas figuran roteiros interpretativos polas rías, nos que as persoas participantes poderán coñecer mellor a biodiversidade, os hábitats e os usos tradicionais do litoral da man de educadoras ambientais e profesionais do mar.
Neste marco, a delegación de ADEGA Pontevedra Sur organiza este domingo, 1 de novembro, un roteiro pola Costa da Vela, unha oportunidade para descubrir os valores naturais e culturais desta paraxe singular. A Costa da Vela, catalogada como Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura, conforma un mosaico de ambientes naturais e alberga numerosos hábitats de interese dende zonas de cantís ata sistemas dunares, pasando por matogueiras costeiras e bosques aluviais.
Esta riqueza natural acompáñase dun importante patrimonio cultural, no que destaca o xacemento arqueolóxico do Alto do Facho de Donón, un dos santuarios máis grandes e de maior importancia da Hispania Romana. Ao longo do percorrido, as persoas participantes poderán obter unha visión máis global e integradora da paisaxe da Costa da Vela, coñecendo os distintos hábitats e as condicións ambientais que fan posible a súa existencia e biodiversidade.
A actividade sairá ás 11.00 h do aparcadoiro da Praia de Melide, en Cabo Home, e terá unha duración aproximada de dúas horas. É imprescindible inscrición previa en i.gal/roteiroVela. Con iniciativas coma esta, ADEGA busca achegar a conservación mariña á vida cotiá, recoñecer o papel dos sectores profesionais que dependen das rías e promover unha cidadanía máis informada e implicada na defensa do patrimonio natural galego.
Imaxe: Roteiro polas salinas do Ulló, en Vilaboa / Autoría: Julieta Tejeda.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal