Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Decreto dos nitratos: a Xunta instalada no...
23-10-2026
A Xunta volveu sacar a consulta, e van 3 veces desde 2025 sen que chegara a aprobar nada, o proxecto de Decreto para evitar a contaminación por nitratos. O último texto resulta practicamente idéntico aos anteriores no senso de xustificar a non designación de ZZVV (zonas vulnerábeis) e culpar o Estado de non ter completado a información sobre as orixes dos nitratos nas augas.
Porén, desta volta, a Xunta inclúe disposicións adicionais con medidas como a moratoria para novas granxas e ampliacións (con excepcións) para a comarca da Limia, xa que nesta bacía entende demostrado que a orixe da contaminación é fundamentalmente agrogandeira. Con este engadido, a Xunta pretende tamén facer que cumpre coas determinacións da sentenza xudicial sobre as súas responsabilidades e as da CHMS na contaminación do encoro das Cunchas.
A Xunta sostén no preámbulo do Decreto que non declarou ZZVV por nitratos ao non existir un informe definitivo do Estado que acredite a orixe agraria da contaminación, e conclúe que mentres o Estado non peche o estudo de presións e impactos, non cabe a designación de ZZVV. Usa como escusa a Sentenza (C-576/22) do TXUE do 14 de marzo de 2024, para asegurar que esa resolución "rexeitou, no que atinxe á nosa comunidade, que deberan terse designado como zonas vulnerábeis as zonas de captación relevantes para os puntos de medición indicados pola Comisión". A lectura que a Xunta fai da sentenza é incompleta e induce a unha conclusión que o propio TXUE non sostén. Dita sentenza, contrariamente ao mantido pola Xunta, non respalda a conclusión de que en Galiza non cabe designar zonas vulnerábeis por falta de acreditación da orixe agraria. Unha “contribución significativa” de nitratos de orixe agraria non exixe que tal orixe sexa exclusiva para designar ZZVV e a propia sentenza recorda que o Tribunal xa considerou significativa unha achega do 17%. Xa que logo, a Xunta debería deixar de xustificar no Decreto a súa inacción a través dunha cita selectiva e nesgada da xurisprudencia europea.
O texto do Decreto cita tamén a histórica Sentenza 313/2025 da Sección 2ª da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG que condena ás administracións pola contaminación do encoro das Cunchas, pero só para sinalar que as medidas provisionais (moratoria a novas granxas) da disposición adicional primeira «contribúen a executar» esa resolución. Iso non é suficiente: a Xunta segue sen recoñecer que dita sentenza firme declarou probada a orixe agraria da contaminación.
A sentenza declarou probada a orixe agraria da contaminación nunha das bacías galegas con maior presión gandeira e condenou a Xunta pola súa inactividade. Resulta contraditorio que o Decreto afirme, por unha banda, que os datos da Limia levan a adoptar medidas por detectarse que a orixe da contaminación é significativamente agraria, e que eses datos son "suficientemente consistentes"; e sosteña, pola outra, que non cabe designar zonas vulnerábeis por non existir acreditación da orixe agraria. Se os datos chegan para prohibir novas explotacións e ampliacións, chegan tamén para iniciar sen demora o procedemento de designación. Xa que logo, o Decreto debería incorporar expresamente as conclusións probatorias da Sentenza 313/2025 sobre a orixe agrogandeira da contaminación, e fixar un prazo concreto para iniciar e rematar o procedemento de designación de ZZVV.
A prohibición de novas explotacións gandeiras e de aumentar a capacidade produtiva das xa existentes, a parte de ser parcial e moi provisional, non vai impedir que a contaminación das augas afectadas siga aumentando.
Desde ADEGA denunciamos a insuficiencia destas propostas, por canto non atinxen máis que a unha única bacía (Limia) e mesmo a que nese caso, non se estabecen medidas para reverter e diminuír a incidencia desta contaminación. A solución pasa por avaliar a superficie agraria que necesita cada explotación gandeira para a adecuada xestión dos seus xurros (capacidade de carga) e asegurar a dispoñibilidade de terra mediante, por exemplo, a recuperación para a actividade agraria de terras abandonadas (o Banco de Terras podería ser unha ferramenta útil). E cando non poida asegurarse a dispoñibilidade de terra para a xestión sustentábel dos xurros, só cabe reducir a carga gandeira.
En definitiva, o Decreto dos nitratos é unha casca baleira que non vai servir para solucionar o problema da contaminación das augas por nitratos. A Xunta renunciou hai tempo a cumprir coas súas obrigas legais, antepoñendo determinados intereses sectoriais á saúde do ambiente e da cidadanía, e mesmo pretende burlar as resolucións xudiciais co negacionismo por bandeira.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal