ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Nova campaña #TiPodesParalos para frear nos...

15-10-2026

Nova campaña #TiPodesParalos para frear nos tribunais a Liña de Alta Tensión Pico Touriñán-Tivo

A asociación ecoloxista ADEGA, en colaboración co colectivo Amil sen Eólicos, lanza unha nova campaña de recadación solidaria no marco da iniciativa #TiPodesParalos, co obxectivo de custear a contenda xudicial contra a Liña de Alta Tensión (LAT) Pico Touriñán-Tivo. Esta infraestrutura atravesaría máis de 17 quilómetros entre os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis, na provincia de Pontevedra, cun impacto directo sobre o patrimonio das bestas de Sabucedo, unha tradición declarada Ben de Interese Cultural.

Esta liña, promovida por Engie Proyecto Touriñán, Naturgy Renovables e Norvento, tería a función de evacuar a enerxía de catro polígonos eólicos: Campo das Rosas, Portovidros, Touriñán III-2 e Acibal. Os tres primeiros están paralizados cautelarmente polo TSXG a instancias de ADEGA debido ao risco de danos ambientais irreversíbeis ou de difícil reparación. O último, Acibal, atópase agora mesmo recorrido por ADEGA en casación ante o Tribunal Supremo. 

ADEGA denuncia o sen sentido de tramitar unha liña de alta tensión destinada a evacuar a enerxía de catro parques eólicos cuxo futuro está pendente de resolución dos procedementos xudiciais. Así mesmo, advirte de que parar esta liña de alta tensión é chave para poñerlle tamén freo ao proxecto eólico Acibal, cuxo inicio das obras xa provocaron graves danos no patrimonio cultural e arqueolóxico da zona.

A liña atravesa espazos de alto valor ecolóxico

A liña Pico Touriñán-Tivo atravesaría zonas de elevado valor ecolóxico cuxas afeccións non foron avaliadas adecuadamente. No primeiro cuarto do trazado localízanse numerosos humidais inventariados, así como hábitats de interese comunitario, entre eles uceiras húmidas atlánticas e turbeiras, algunhas consideradas prioritarias. ADEGA alerta tamén de que non se tivo en conta a presenza constatada de varias especies de flora ameazada, como a Lycopodiella inundata e o lirio de monte (Iris boissieri), ambas catalogadas en perigo de extinción, ademais doutras especies vulnerábeis.

O estudo ambiental tampouco avaliou correctamente a presenza e a posíbel nidificación de aves ameazadas como a tartaraña cincenta, a gatafornela, o millafre real e o sisón, estas dúas últimas especies catalogadas en perigo de extinción. Ademais, nin o estudo de impacto ambiental (EIA) nin a declaración de impacto ambiental (DIA) recollen a presenza do voitre negro e do voitre leonado, documentada mediante observacións e citas da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Patrimonio cultural e arqueolóxico en risco

A liña de alta tensión proxectada transcorre, ademais, por un espazo considerado o lugar de Europa con maior concentración de arte rupestre ao aire libre. Campo Lameiro, escollido como Capital do Turismo Rural en 2023, é o contexto paisaxístico deste acervo cultural. Alí, e nos concellos veciños, existe unha historia milenaria escrita nos rochosos horizontes, digna de ser contada e protexida até o final, e incompatíbel coa industrialización eólica. 

O patrimonio cultural afectado vai desde mámoas, castros, petróglifos, torres, camiños tradicionais empedrados, igrexas, cruceiros, muíños, lavadoiros, pazos, hórreos... e até o camiño portugués de Santiago. En especial, este proxecto provocaría graves impactos sobre a paisaxe de petróglifos como Chan de Carballeda (en Painceiros, O Campo Lameiro); Coto do Rañadoiro (en Moimenta, O Campo Lameiro) ou a mámoa 2 da Pallota (en Rebón, Moraña).

3 meses, 8.100 euros

A campaña de recadación solidaria que comeza este xoves, 15 de outubro, terá unha duración total de 3 meses, nos que haberá que acadar un obxectivo mínimo de 8.100 euros necesarios para recorrer o proxecto ante o TSXG. En concreto, a recadación establécese en dúas fases.

A primeira, cun prazo de 1 mes (até o 15 de novembro) e un obxectivo de 4.000 euros, sufraga os custos da presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental. Nunha segunda fase, cunha duración de dous meses, procuraranse acadar os 4.100 euros restantes, para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.

Máis dunha trintena de proxectos eólicos paralizados

ADEGA e Amil sen Eólicos fan un chamado a toda a veciñanza dos espazos afectados e ao conxunto da cidadanía galega a colaborar no posíbel con esta campaña de recadación solidaria na defensa dunha transición enerxética sustentábel e xusta coas persoas, co medio ambiente e co territorio, que non pase por riba dos valores ecolóxicos nin se convirta nunha xustificación para degradar espazos naturais. 

A campaña #TiPodesParalos, impulsada no ano 2023, conseguiu frear nos tribunais até o momento máis dunha trintena de proxectos eólicos, avances que non serían posíbeis sen a masiva solidariedade cidadá artellada en torno a este micromecenado, que permitiu sufragar a contenda xudicial contra numerosos proxectos eólicos. Agora, é a quenda da Liña de Alta Tensión Pico Touriñán-Tivo.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal