ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-A Coruña denuncia que a reunión da...

08-10-2026

ADEGA-A Coruña denuncia que a reunión da Sociedade Nuclear Española ignora os custos ambientais e sociais da enerxía nuclear

Autobús antinuclear de ADEGA en 1983

A delegación de ADEGA na Coruña denuncia a ausencia do tratamento dos custos ambientais e sociais da enerxía nuclear no marco da reunión anual da Sociedad Nuclear Española, que está celebrándose no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña desde o pasado 5 e ata o vindeiro 9 de outubro. 

O encontro, que reúne máis de 700 profesionais vinculados ao sector nuclear, presenta ao longo da súa programación diferentes cuestións relacionadas co desenvolvemento desta tecnoloxía, pero non dedica unha atención equivalente aos seus impactos ambientais e sociais. Para a entidade ecoloxista, resulta especialmente significativo que nun encontro destas características non se aborden cuestións como a xestión dos residuos radioactivos, os seus impactos a longo prazo, os riscos asociados á actividade nuclear ou as consecuencias ambientais e sociais derivadas do seu funcionamento.

Unha historia de oposición á industria nuclear

ADEGA mantivo historicamente unha posición crítica con respecto a este tipo de enerxía, e participou en reivindicacións antinucleares desde as súa fundación. Destacan, entre outras accións, as xornadas antinucleares organizadas nos anos 80 na Coruña, e a participación nas accións reivindicativas que trataron de impedir o deitado de barrís con residuos radioactivos na fosa atlántica. ADEGA chegou a fretar un autobús que viaxou até as sede da Atomic Energy Authority en Londres, onde numerosos activistas galegos se encadearon na porta da administración. Estas reinvidicacións conseguiron finalmente mudar o regulamento internacional para a xestión dos residuos nucleares en 1983, ano desde o que está prohibido deixar no mar barrís tóxicos. 

Moi preto de onde se celebra esta reunión anual da industria nuclear, desde o porto da Coruña, foi precisamente desde onde saíu o Arosa I, un barco pesqueiro fretado polo Concello da Coruña que no ano 1982 acompañou ao Xurelo na segunda expedición para impedir o deitado destes residuos radioactivos. Tratábase de 200.000 barrís procedentes de centrais nucleares do Reino Unido e Países Baixos que foron tirados ao mar a unhas 350 millas da costa galega e que a día de hoxe seguen depositados no leito mariño, a 4.000 metros de profundidade. 

ADEGA-A Coruña considera especialmente relevante recuperar esta memoria precisamente mentres a industria nuclear celebra na Coruña o seu principal encontro anual, no que nada se fala sobre as alteracións que estes barrís poden provocar no ecosistema mariño ou as repercusións para a saúde humana. 

A programación da reunión da Sociedade Nuclear Española ofrece unha visión parcial desta tecnoloxía, con graves consecuencias para o medio ambiente e a saúde; e convértese, xa que logo, en pouco máis que un evento publicitario. ADEGA reclama, pois, que o debate sobre a enerxía nuclear incorpore tamén unha perspectiva ambiental e social.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal