ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As entidades que mobilizaron a cidadanía polo...

30-09-2026

As entidades que mobilizaron a cidadanía polo Umia esixen á Xunta información e explicacións sobre a represa de Cabanelas

As doce entidades que convocamos a concentración do pasado 13 de setembro en Cabanelas para reclamar a protección do río Umia anuncian unha nova fase na súa campaña: reclamamos á Xunta de Galiza que dea explicacións sobre a ampliación da represa e sobre a autorización que permitiu executar a obra.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), Limpiarousa, ADEGA, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), o BNG comarcal, a Asociación de Veciños San Vicente de Oubiña, Galicia Ambiental, Podemos Galicia, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e SEO Pontevedra presentaron conxuntamente un escrito ante Augas de Galicia no que solicitaban unha reunión co seu director, e coa súa presidenta, a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático para coñecer de primeira man a xustificación e os detalles técnicos da actuación.

As entidades tamén solicitamos que se nos facilite o expediente completo da obra, incluído o proxecto técnico e a autorización concedida por Augas de Galicia, identificada co código DH.W36.82593, así como os informes relativos á afección sobre a pesca fluvial e outros informes que sustentasen a autorización. Ata o momento, as entidades aseguran non ter recibido resposta á súa petición de reunión nin a documentación solicitada.

Queremos saber que autorizou exactamente Augas de Galicia

As organizacións consideramos necesario coñecer con detalle como se autorizou unha actuación que, segundo puideron comprobar sobre o terreo, modifica de maneira importante a dinámica do tramo final do río Umia. Por este motivo, no escrito presentado tamén solicitamos información sobre a concesión de abastecemento de auga outorgada por Augas de Galicia a Gestora Inmobiliaria La Toja S.A., así como sobre a relación existente entre esta concesión e a infraestrutura de Cabanelas.

Non queremos explicacións xenéricas. Queremos coñecer o expediente, os informes e as condicións concretas nas que Augas de Galicia autorizou esta obra. Entre a documentación solicitada figura tamén a petición formal que Augas de Galicia anunciou que realizou aos responsables da obra para corrixir as afeccións sobre a fauna piscícola, incluíndo as medidas técnicas previstas e os prazos establecidos.

A Xunta anunciou medidas para os peixes, pero quedan moitas preguntas sen responder

As entidades lembran que, o pasado 7 de setembro, Augas de Galicia anunciou que estaba a reclamar aos responsables da obra medidas para corrixir os efectos negativos sobre a migración e os movementos da fauna piscícola. Consideran positivo que a Administración recoñeza a necesidade de actuar, pero advirten de que a instalación dun dispositivo para o paso dos peixes non resolve por si soa o conxunto das afeccións que as entidades denuncian.

No seu escrito reclaman que as posibles medidas correctoras teñan en conta tamén o mantemento do caudal ecolóxico, a dinámica do río, o transporte de sedimentos, o quecemento das augas remansadas, a posible expansión de especies exóticas e a alteración das correntes estuáricas e da entrada de auga salgada. Consideran necesario tamén coñecer se existe algunha relación entre a menor circulación da auga e os episodios de contaminación microbiolóxica que obrigaron a pechar ao baño a praia fluvial de Cabanelas uns días en setembro.

A mobilización foi un éxito, pero o problema segue aí

A elevada participación e a repercusión mediática da concentración celebrada o pasado 13 de setembro foi un síntoma da alarma social e ambiental que suscitou a obra, pero consideramos que esa mobilización debe ter continuidade. A concentración demostrou que existe unha preocupación social polo estado do río Umia e pola actuación realizada en Cabanelas. Agora corresponde á Xunta responder ás preguntas que lle formulamos e facilitar a documentación que permita coñecer como e por que se autorizou esta obra.

As entidades consideran especialmente importante que a Administración explique que informes avaliaron a afección da obra sobre o ecosistema fluvial, como se garantiu o caudal ecolóxico e que condicións se impuxeron á persoa ou entidade responsable da infraestrutura. Tamén reclaman coñecer as condicións da concesión de auga para a Illa da Toxa e a súa relación coa represa.

Manteremos a presión para obter respostas

Continuaremos reclamando información e responsabilidades ás administracións competentes e que estudarán novas actuacións se non reciben resposta ás súas peticións. O río Umia é un ben público e a cidadanía ten dereito a coñecer que actuacións se autorizan sobre o seu leito, con que informes, con que condicións e para que finalidade. A mobilización de Cabanelas non rematou. Agora queremos respostas e transparencia.

Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) · Limpiarousa · ADEGA · PDRA · BNG comarcal · Asociación de Veciños San Vicente de Oubiña · Galicia Ambiental · Podemos Galicia · SGHN · FEG · SEO Pontevedra

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal