Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Convocada unha concentración este domingo para...
10-09-2026
ADEGA, Limpiarousa, o Clube de Pesca deportiva Pesca Cíes e o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) convocamos á cidadanía a unha concentración este domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas, na praia fluvial de Cabanelas (Ribadumia), para reclamar unha revisión da recente actuación realizada na represa do río Umia e defender a continuidade e o funcionamento natural do río.
A convocatoria mantense despois de que Augas de Galicia anunciase que solicitará ao concesionario que corrixa a afección sobre a fauna e adecúe un acceso para os peixes. Consideramos positiva esta reacción, pero advertimos de que non pode darse por solucionado o problema mentres non se coñezan as medidas concretas e os prazos para executalas e, sobre todo, mentres non se avalíe o conxunto das afeccións provocadas pola ampliación da represa.
Un paso para os peixes non converte unha represa en invisible para o río. Un sistema de paso para a fauna pode recuperar parte da conectividade, pero non elimina os efectos do remanso sobre a dinámica fluvial: maior quecemento da auga, alteración do hábitat das especies acuáticas, posible expansión de especies alóctonas e modificación do transporte natural de sedimentos.
Ademais, neste tramo final do Umia existe unha dinámica estuárica natural, coa entrada de auga salgada procedente da ría, que forma parte do funcionamento do ecosistema e da que dependen distintas especies. A súa alteración tamén debe ser estudada. Reclamamos igualmente que se garanta o caudal ecolóxico e que se avalíe a afección sobre especies migradoras presentes no Umia.
Por todo isto, non queremos que a resposta se limite a poñerlle un "ascensor" aos peixes. Queremos que se analice o impacto global da obra e se adopten todas as medidas necesarias para que o Umia poida seguir funcionando como un río vivo. O Umia dános de beber, bañámonos nel e nutre o marisco que cultivamos na súa desembocadura.
A saúde do Umia é tamén a nosa saúde. A vida e salubridade do río son un ben común que non debe poñerse en risco por intereses privados. É un abuso empregar o río para regar un campo de golf da Toxa, cando están a obrigar a toda a cidadanía a restrinxir o uso da auga polas secas.
Deben buscar outra alternativa (empregar a Rede pública de abastecemento, desalinizadora...). Facemos un chamamento á cidadanía para que este domingo se achegue a Cabanelas e defenda con nós o río Umia. A convocatoria permanece aberta a novas adhesións de colectivos e entidades.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal