Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ons non é illa para especies en perigo
09-09-2026
Nova agresión ao patrimonio natural galego: exemplares da xesta de Ons (Cytisus insularis S. Ortiz & Pulgar), especie endémica en perigo de extinción, foron eliminados polo rozado de camiños na illa.
A recente intervención de “acondicionamento” na Illa de Ons por parte da Axencia de Turismo de Galiza, fortemente criticada por ecoloxistas e veciñanza, amosou claramente o papel de mero decorado que os espazos protexidos teñen para a Xunta. Sen consulta pública nin avaliación ambiental previa, a Xunta deitou 4000 m² de novo pavimento con profusión de mobiliario urbano, escavou pistas, alterou o substrato, suprimiu vexetación autóctona, cementou unha praia... e todo, nun Parque Nacional, a figura de máxima protección ambiental que temos en Galiza.
Para verificar in situ o alcance das afeccións destas obras ao patrimonio natural de Ons, persoal de ADEGA desprazámonos recentemente á illa. Para a nosa sorpresa, ademais dos efectos das intervencións denunciadas, puidemos comprobar e documentar a eliminación de exemplares de Cytisus insularis, nuns labores previos de rozado. Concretamente, dous dos exemplares desta especie máis próximos ao núcleo habitado (ver mapa) foron tallados probablemente como consecuencia dos traballos de rozado e “limpeza” das marxes de camiños.
A xesta de Ons é un endemismo da costa atlántica de Galiza presente unicamente nesta illa e, de xeito residual, na de Vionta (Arousa) e na península do Morrazo. Está considerada como “En perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e ten a mesma categoría para a IUCN [EN B2ab(ii,v)] debido á súa distribución xeográfica reducida, poboación fragmentada e diminución continua da área de ocupación e do número de individuos maduros.
Segundo a propia Xunta, as poboacións da xesta de Ons están ameazadas polos procesos de urbanización e a competencia con outras especies. E xustamemte foron os labores de “acondicionamento” dos camiños para facilitar o tránsito do turismo e deixar expeditos os accesos, xunto co desleixo institucional, os que levaron por diante estes exemplares. Nun dos casos, os restos dun grande e lonxevo exemplar que foi tallado a motoserra ficaron estrados á mesma beira da cementada pista de acceso ao cámping. É unha perfecta metáfora do que significa para a Xunta a xestión dun espazo natural protexido: cemento e motoserras para converter os espazos naturais en parques temáticos para o turismo masivo.
Dende ADEGA esixiremos ás administracións (in)competentes explicacións sobre estes lamentábeis feitos, sen desbotar o inicio das accións legais oportunas para depurar responsabilidades e garantir a protección efectiva do noso patrimonio natural máis ameazado.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal