ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo reafirma o seu compromiso histórico...

04-09-2026

ADEGA-Lugo reafirma o seu compromiso histórico coa defensa do territorio fronte á especulación urbanística de Barreiros

A problemática urbanística de Barreiros non é nova nin allea á historia da defensa ambiental en Galiza. Durante os anos de maior expansión urbanística do concello, ADEGA advertiu reiteradamente das consecuencias dun modelo baseado nun forte crecemento edificatorio no litoral, da ocupación de solos sen as condicións urbanísticas e de servizos necesarias e dos impactos que este proceso estaba a provocar sobre o territorio e os espazos naturais.

ADEGA non se limitou daquela a expresar o seu rexeitamento ao modelo urbanístico de Barreiros, senón que levou a súa defensa do territorio aos tribunais. A organización exerceu como acusación particular no procedemento xudicial aberto polas irregularidades na concesión das licenzas urbanísticas, no que estaban implicados o alcalde, a arquitecta municipal e outros membros do equipo de goberno. ADEGA consideraba que as actuacións realizadas a partir de 2006 constituían graves vulneracións da legalidade urbanística e ambiental e reclamou a depuración das responsabilidades correspondentes e a restauración da legalidade. Posteriormente, a asociación tamén recorreu o denominado Plan Sectorial de Barreiros, promovido como vía para dar cobertura á situación urbanística creada neses anos.

Foi nese contexto no que ADEGA e a veciñanza de Barreiros impulsaron, no ano 2010, a plataforma «Barreiros: máis talento e menos cemento», como expresión dunha posición clara: a ordenación do territorio debe estar ao servizo do interese xeral, da protección ambiental e dunha planificación responsable, e non da expansión urbanística sen control.

Esta cuestión volve estar de actualidade en Barreiros a raíz das sentenzas que afectan a varios chalets cuxa demolición foi ordenada polos tribunais. Ante esta situación, ADEGA lembra que a solución aos problemas xerados por actuacións urbanísticas irregulares non pode consistir simplemente en darlles cobertura legal a posteriori, senón que debe analizarse desde a restauración da legalidade e, cando proceda, a reparación dos danos ocasionados ao territorio.

A asociación considera, ademais, que calquera solución aos problemas urbanísticos herdados debe evitar tanto a consolidación de situacións irregulares como o agravio comparativo con aquelas persoas e concellos que cumpriron as normas. Legalizar a posteriori actuacións realizadas á marxe do planeamento pode transmitir a idea de que incumprir a normativa acaba tendo recompensa, mentres que quen actuou conforme á legalidade soporta as cargas e limitacións derivadas do cumprimento das regras.

Desde esta perspectiva, ADEGA defende en Barreiros e no conxunto de Galiza un desenvolvemento urbanístico baseado na legalidade e nunha planificación responsable, especialmente necesaria nun litoral sometido a unha crecente presión e vulnerabilidade polo cambio climático. A asociación considera que o crecemento debe responder a necesidades reais e ser compatible coa capacidade do territorio e coa protección dos seus valores naturais e paisaxísticos, establecendo límites claros á ocupación de espazos especialmente sensibles. ADEGA continuará, por tanto, exercendo o seu labor de defensa do territorio e reclamando o cumprimento das garantías ambientais e urbanísticas cando sexa necesario.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal