Inicio / Novas / ADEGA Nacional / En plena alerta por seca, ADEGA denuncia o recheo...
19-08-2026
ADEGA vén de denunciar ante o Concello de Castroverde, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) o recheo con terras dunha zona húmida situada en Cellán de Mosteiro (Castroverde), por parte da explotación gandeira "GANADOS SAN JOSÉ" en trámite de ampliación. Este recheo teríase iniciado xa no 2024, colmatando con terra e estullos unha ampla depresión permanentemente encharcada que no catastro leva o nome de "Fontes de Vilar" e estase completando no momento actual deixando a finca xa completamente nivelada.
ADEGA considera especialmente grave a destrución de zonas de nacemento e acumulación de auga e reclama que, se das investigacións se desprenden indicios de delito ambiental, os feitos, ademais de ser sancionados como corresponda, sexan trasladados á Fiscalía.
ADEGA solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao Concello de Castroverde que ordenen de maneira inmediata a paralización dos recheos e a apertura do correspondente expediente sancionador que, en aplicación da lexislación de augas e de impacto ambiental, acabe, non só nunha sanción económica, senón na obriga de restiuír esta zona húmida ao seu estado natural antes dos primeiros recheos. Ao Concello de Castroverde reclámalle tamén que comprobe se tanto os movementos de terras como as explanacións e recheos dispoñen das correspondentes licenzas urbanísticas e autorizacións sectoriais.
As zonas húmidas cumpren unha función esencial na regulación do ciclo da auga, na recarga dos acuíferos, na laminación das escorrentías e no mantemento dos caudais dos regatos durante os períodos secos. Por iso, ADEGA considera que a eventual destrución deliberada dunha zona húmida e das nacentes dun curso de auga non pode ser tratada como unha simple irregularidade administrativa.
Se a inspección do Concello, da Confederación Hidrográfica e do SEPRONA confirma os feitos denunciados e aprecia indicios dunha afección grave ao dominio público hidráulico ou ao medio natural, ADEGA considera que deberá investigarse tamén a súa posible relevancia penal e agarda que as administracións competentes dean traslado dos feitos á Fiscalía de Medio Ambiente.
ADEGA demanda unha actuación inmediata das administracións para impedir que continúen os recheos, esclarecer as responsabilidades e garantir a restauración completa da zona húmida de Cellán de Mosteiro e dunhas das nacentes que alimentan o sistema fluvial do Tórdea.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal