23-07-2026
ADEGA denuncia que o Plan Parcial do sector S-5.I, promovido para urbanizar as nacentes do río Rato, incumpre de maneira evidente as directrices e determinacións da lexislación de augas e das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia así como as condicións establecidas pola Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do 16 de abril de 2009. Así mesmo, pasa por alto o artigo 193 da normativa do PXOM que expresamente recomenda conservar as canles de auga "do xeito máis natural posible", evitando a súa canalización, a regularización do trazado e calquera actuación que degrade o dominio público hidráulico. Ademais, condiciona o desenvolvemento dos sectores urbanizables ao respecto do caudal ecolóxico dos cursos fluviais.Con todo, o Plan Parcial fai exactamente o contrario.
Segundo denuncia ADEGA, a documentación presentada representa de forma incorrecta a rede fluvial existente, ocultando parte dos cursos de auga das nacentes do Rato e debuxando un trazado que non se corresponde coa realidade.A maiores, o deseño do viario previsto implica actuacións incompatibles coa conservación do río. O denominado vial "E" atravesa o curso principal mediante un paso de máis de trinta metros de lonxitude que, na práctica, suporía o cubrimento da canle e a creación dunha barreira física que impediría incluso o tránsito polas súas marxes. Tamén afectaría á confluencia dos regos que forman a cabeceira do Rato, polo que obrigaría á súa rectificación e desnaturalización. Por outra banda, unha das pontes previstas tería un dos seus piares practicamente enriba da canle, facendo inevitable o desvío do curso fluvial.Estas actuacións chocan frontalmente non só co PXOM, senón tamén coa normativa de augas, co Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil e coas Directrices de Ordenación do Territorio, que establecen como criterio xeral evitar tanto os cubrimentos como a alteración do trazado natural dos cursos de auga.
ADEGA lembra ademais que, por Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible de 16/04/2009 o PXOM de Lugo non foi sometido ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e correspondente trámite de exposición pública para alegacións. No seu lugar, a Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do 16 de abril de 2009 permitiu continuar coa súa tramitación impoñendo condicións ambientais específicas. Entre estas sinalaba:“A normativa do plan deberá recoller medidas encamiñadas a conservar, restaurar e manter as canles do termo municipal do xeito máis natural posible, evitando calquera tipo de canalización ou regularización do trazado, así como as actividades que deterioren o dominio público hidráulico.” (Resolución da D.X. de Desenvolvemento Sostible. 16/04/2009)A asociación considera que o Plan Parcial S-5.I incumpre estas condicións ao pretender transformar un espazo de enorme valor ambiental sen acreditar que, para ampliar o polígono industrial do CEAO, sexa imprescendible a ocupación destas nacentes e zona de policía do río Rato. A cidade de Lugo dispón a día de hoxe dunha ampla superficie de solo industrial no polígono de As Gándaras e de parcelas e naves baleiras no polígono do Ceao moi capaces de absorber durante décadas a demanda empresarial existente.
ADEGA lembra que o ámbito das nacentes do Rato constitúe unha peza chave para completar o cinto verde arredor da cidade, un obxectivo que recolle o propio PXOM.O sector conserva unha importante rede de regos, zonas húmidas, bosques de ribeira e carballeiras que funcionan como corredor ecolóxico e contribúen á regulación hídrica, á conservación da biodiversidade e á adaptación da cidade fronte aos efectos da crise climática.A urbanización prevista suporía a perda irreversible destes valores e impediría consolidar un gran corredor verde continuo entre as bacías do Rato e do Miño, hipotecando unha oportunidade histórica para construír unha cidade máis habitable, resiliente e preparada para afrontar os desafíos ambientais das próximas décadas.
Desde ADEGA-Lugo fan un novo chamamento á veciñanza de Lugo para implicarse activamente na defensa das nacentes do río Rato e impedir que este espazo natural sexa transformado nun novo polígono industrial.A asociación lembra que continúa aberta a campaña "Río Rato sen cemento", destinada a recadar fondos para facer fronte aos custos das accións xurídicas que buscan frear este proxecto e garantir o cumprimento da legalidade urbanística e ambiental. Queda pouco máis dunha semana para rematar o primeiro reto de reunir 6000€, faltando menos de 2000€ para acadar ese obxecivo.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal