17-07-2026
ADEGA-Lugo organizou na tarde deste xoves unha visita guiada ás nacentes do río Rato, coa participación de veciñanza da contorna e representantes de diferentes colectivos sociais e ambientais, co obxectivo de dar a coñecer o elevado valor ecolóxico deste espazo natural e as graves consecuencias que podería ter a execución do Plan Parcial S-5I.
Ao longo do percorrido, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man as características deste ecosistema, formado por vexetación de ribeira e zonas húmidas que constitúen a orixe do río Rato. Trátase dun espazo de grande interese ambiental que desempeña un papel fundamental na regulación climática, na conservación da biodiversidade e na conexión ecolóxica coa contorna.
Durante a visita fíxose especial fincapé en que o desenvolvemento urbanístico previsto no Plan Parcial S-5I suporía a transformación irreversible deste enclave. A urbanización da zona e o selado do solo implicarían, na práctica, o cementado das nacentes do río, provocando a destrución dun ecosistema de alto valor ambiental que resulta esencial para a saúde do propio curso fluvial.
A actividade permitiu tamén intercambiar impresións entre a veciñanza e os colectivos participantes sobre a importancia de preservar este patrimonio natural e sobre a necesidade de apostar por un modelo de cidade que integre e protexa os seus espazos verdes máis sensibles.
ADEGA-Lugo xa está a preparar as accións xurídicas necesarias para recorrer o Plan Parcial S-5I e defender nos tribunais as nacentes do río Rato fronte a un proxecto que suporía a súa destrución.
Para afrontar os custos deste proceso xudicial, ADEGA fai un chamamento á colaboración cidadá mediante a campaña de doazóns “Río Rato sen cemento”. A defensa do patrimonio natural é unha responsabilidade colectiva e o éxito desta batalla dependerá tamén do apoio social e económico de todas aquelas persoas que consideran que as nacentes do Rato non poden ser sacrificadas por unha operación urbanística.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal