Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG dá novamente a razón a ADEGA e paraliza o...
15-07-2026
A Sección 3ª da sala do Contencioso-Administrativo, xa sen os maxistrados Luís Villares e Dolores López, trasladados en marzo pasado á Sección 4ª, resolveu por unanimidade acoller integramente as medidas cautelares solicitadas por ADEGA no contencioso contra a Xunta e Greenalia pola autorización do PE "Pena do Pico" nos Ancares lucenses.
Na peza separada de cautelares, a Sala asume os argumentos achegados por ADEGA no informe técnico que acompaña ao escrito de demanda, polo que estima na súa integridade a medida solicitada e decreta a suspensión das autorizacións previas e de construción ditadas no seu momento pola D. X. de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
Trátase da primeira paralización cautelar adoptada nun contencioso eólico despois do polémico traslado forzoso dos maxistrados Villares e López, manobra apludida sen disimulo pola Xunta que achacou á suposta parcialidade de Villares a paralización do sector eólico no TSXG.
No escrito de demanda, entre outros argumentos, ADEGA fundamentaba a necesidade de paralizar cautelarmente a execución do PE "Pena do Pico" na existencia de perigo de dano xurídico (periculum in mora) pola afección a destacados elementos do patrimonio natural e na preponderancia do interese público de conservalos, fronte ás intencións da empresa e da Xunta de construír a instalación.
O PE "Pena do Pico" promovido por Greenalia Wind Power SLU autorizouse nun territorio (concellos de Baralla e Quiroga, nos Ancares lucenses) designado pola propia Xunta para ampliar a Rede Natura 2000, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e nun espazo considerado zona de exclusión eólica polo Ministerio. Asemade, e segundo a Sala, as instalacións autorizadas "exercen unha presión crítica sobre diversas especies de avifauna ameazada en situación de vulnerabilidade ou perigo de extinción, como o a tartaraña cincenta, a gatafornela e, de xeito moi alarmante, o millafre real".
O Tribunal considerou que estes impactos non foron convenientemente avaliados na DIA e que a documentación técnica presentada por ADEGA, apoiada mesmo en documentos oficiais, "goza dun indubidábel valor indiciario e de verosimilitude que non pode ser ignorado pola Sala". Toda unha labazada á chafalleira tramitación ambiental da Xunta que exerce máis como expedidora de permisos que como garante do patrimonio e do interese público.
Fronte ao argumento da Xunta de que a paralización do sector eólico se debía ás inusitadas decisións xudiciais que mesmo Rueda cualificou como "lawfare", este Auto do TSXG apunta directamente ás graves carencias na tramitación administrativa do proxecto, particularmente no que atinxe á DIA (Declaración de Impacto Ambiental).
A Sala debruza polo miúdo esta DIA e considera, como fixo patente ADEGA, que a Xunta ignorou informes sectoriais da propia D. X. de Patrimonio Natural, Catálogos Oficiais de Protección, resultados de proxectos europeos de conservación e rexistros de avistamentos. Pon en valor a información achegada por ADEGA, que se basea en documentos públicos, informes de institutos de investigación e no uso de ferramentas e fontes cartográficas oficiais, para desmontar os argumentos da Xunta.
Xunta e Greenalia pretenderon minusvalorar as carencias e omisións da DIA apelando á eficacia das medidas correctoras propostas; mais o Tribunal retrúcalles que "unha parte substancial das medidas correctoras contempladas na DIA posúen un carácter marcadamente 'post mortem', é dicir, están deseñadas para operar unha vez que o impacto ou o dano xa se produciu de maneira efectiva. Existe un perigoso lapso temporal dende o mesmo momento en que comecen as obras [...] até a hipotética activación e eficacia dos mecanismos correctores. Durante este intervalo, o medio ambiente quedaría exposto a unha degradación desprotexida e real; tolerar o inicio da actividade baixo a promesa dunha reparación futura e incerta contraviría a lóxica máis elemental da protección ecolóxica, que esixe evitar a produción do dano antes de que este adquira carácter irreversíbel".
E sobre a preponderancia de intereses, Xunta e Greenalia apelaban á necesaria transición enerxética para construír o parque. Novamente a Sala, asumindo os argumentos de ADEGA e a lexislación consolidada, manifestou: "O feito de que as codemandadas invoquen un interese público xeral (como a transición enerxética), non o convirte automaticamente en prevalente, xa que dito interese debe coexistir armonicamente coa preservación do entorno [...]. Ningunha norma valida, nin en sé cautelar nin substantiva/principal, o desenvolvemento dun proxecto industrial si pode menoscabar algún elemento do medio susceptíbel de protección".
Unha vez máis fica demostrado que o actual caos eólico non se debe nin ás decisións xudiciais nin á actuación do ecoloxismo e plataformas cidadás: débese a unha planificación caduca e insustentábel e á incompetencia e nefasta xestión dunha administración máis preocupada por engordar os beneficios das eléctricas que por defender a legalidade e o interese público.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal