15-07-2026
A cidade de Lugo atópase diante dunha decisión que marcará o seu futuro: apostar por máis formigón ou preservar un espazo natural estratéxico que permitiría completar un gran cinto verde conectando os ríos Miño e Rato. Para ADEGA-Lugo, a urbanización do sector S5-I, nas nacentes do río Rato, constitúe unha oportunidade histórica perdida para construír unha cidade máis habitable, resiliente e preparada para afrontar os efectos da crise climática.
Nunha situación na que as vagas de calor cada vez están máis presentes na realidade cotiá da cidadanía, resulta incomprensible que Lugo poida perder un dos seus últimos grandes espazos naturais periurbanos para substituílo por unha nova urbanización que non responde a unha necesidade social real.
As cidades que mellor afrontan a emerxencia climática son aquelas que conservan e amplían a súa infraestrutura verde. Os solos naturais absorben a auga das choivas intensas, reducen o risco de inundacións, refrescan o ambiente durante os episodios de calor extrema e ofrecen espazos de encontro, lecer e saúde para a veciñanza. Pola contra, máis cemento significa máis impermeabilización do solo, máis efecto illa de calor e unha menor capacidade de adaptación aos retos climáticos.
A cabeceira do río Rato é un ecosistema de elevado valor ecolóxico, formado por bosques de ribeira, carballeiras, zonas húmidas e as propias nacentes do río, que sosteñen unha importante biodiversidade e achegan servizos ecosistémicos imprescindibles para o equilibrio ambiental da cidade. A súa conservación permitiría consolidar un corredor ecolóxico continuo entre o Miño e o Rato, converténdose nunha auténtica infraestrutura verde ao servizo da cidadanía.
Desde ADEGA lembran que a urbanización prevista provocaría a desaparición das nacentes do río e a destrución do bosque de ribeira, o que levaría á perda dun ecosistema singular, ademais de eliminar un dos poucos pulmóns verdes da zona norte de Lugo. Trátase de impactos irreversibles e imposibles de compensar ou restaurar unha vez executadas as obras.
ADEGA defende que Lugo aínda está a tempo de escoller outro camiño. A asociación ecoloxista acaba de poñer en marcha unha campaña de doazóns co obxectivo de reunir os fondos necesarios para asumir os custos do proceso xudicial derivado do recurso contencioso-administrativo que presentrá contra o Plan Parcial do sector S5-I, que prevé ampliar o polígono industrial do Ceao sobre a cabeceira do Rato. A campaña, que xa superou os 2.700 euros recadados, fixa un primeiro obxectivo de 6.000, a acadar antes do vindeiro 2 de agosto.
ADEGA fai un chamado a toda a sociedade lucense a apoiar o micromecenado “Río Rato sen cemento” para evitar a urbanización deste espazo de alto valor ambiental. Ao tempo, no marco das accións de sensibilización e divulgación previstas, a delegación de ADEGA en Lugo organizará este xoves, 16 de xuño, ás 20:00 horas, unha visita guiada pola zona afectada, que se sitúa detrás do Mercadona do polígono. O seguinte roteiro desenvolverase o luns, 20 de xullo, ás 20:00 horas, no marco da VIII Semana da Patria Galega organizada por Galiza Nova.
Preservar as nacentes do Rato permitiría culminar un proxecto de cidade baseado na natureza, coa creación dun gran cinto verde periurbano que conecte os principais espazos fluviais, incremente as zonas de lecer e benestar, favoreza a mobilidade peonil e ciclista e mellore a calidade de vida da poboación.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal