14-07-2026
ADEGA-Lugo acaba de presentar alegacións ao procedemento de autorización ambiental integrada da explotación porcina de ceba proxectada en Vilareda, no concello de Palas de Rei (Lugo), ao considerar que a documentación sometida a información pública presenta importantes deficiencias que impiden unha avaliación rigorosa dos impactos ambientais e vulneran os dereitos de participación da cidadanía.
Nas alegacións rexistradas, ADEGA solicita que se declare a nulidade do actual trámite de información pública e que se requira á empresa promotora a presentación dunha nova documentación técnica completa, para abrir posteriormente un novo período de exposición pública que permita formular alegacións con todas as garantías.
Entre as principais deficiencias detectadas, ADEGA denuncia que a documentación publicada está incompleta. En concreto, falta o Anexo II do proxecto, no que deberían figurar documentos fundamentais como o contrato co xestor dos xurros, a certificación urbanística da parcela ou outra documentación imprescindible para verificar a viabilidade ambiental e legal da instalación.
Ademais, a asociación considera que o estudo de impacto ambiental incumpre as esixencias establecidas pola Lei 21/2013 de avaliación ambiental. O documento non analiza alternativas ao proxecto e realiza unha avaliación moi superficial dos impactos ambientais previsibles. Limítase, en moitos casos, a unha simple enumeración sen estudos nin medidas correctoras suficientemente desenvolvidas.
ADEGA chama especialmente a atención sobre a ausencia dun estudo específico dos impactos derivados das emisións de cheiros, malia que o propio proxecto recoñece a xeración de compostos como amoníaco, sulfuro de hidróxeno ou mercaptanos. Tampouco se avalían as posibles afeccións destas emisións sobre a saúde e o benestar da poboación da contorna.
Para ADEGA, estas carencias incumpren tanto a normativa de avaliación ambiental como a lexislación sobre prevención e control integrados da contaminación, e impiden que a cidadanía poida coñecer e avaliar correctamente os efectos reais da explotación proxectada.
Por todo isto, ADEGA solicita á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade que anule o trámite actual, esixa unha nova documentación que cumpra coa legalidade vixente e someta novamente o proxecto a información pública, co obxectivo de garantir así un procedemento transparente e con todas as garantías para a participación cidadá.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal