07-07-2026
ADEGA-Lugo presentou no Concello de Sarria un escrito solicitando a revisión de oficio da licenza urbanística concedida para a construción da planta de produción de Combustible Sólido Recuperado (CSR) promovida por Votorantim Cimentos no Oural.
A petición baséase na análise do expediente municipal da licenza, no que, segundo ADEGA, non consta a preceptiva autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a realización de movementos de terras e outras actuacións que afectan o dominio público hidráulico, a zona de servidume e a zona de policía do regato que atravesa a parcela onde se están executando as obras.
ADEGA-Lugo lembra que a lexislación de augas esixe autorización previa do organismo de conca para este tipo de actuacións e que incluso a propia Confederación Hidrográfica, no informe emitido durante a tramitación ambiental do proxecto, advertiu expresamente de que calquera obra ou afección sobre os cauces e as súas zonas de protección require unha autorización específica e previa, independente dos informes emitidos no procedemento ambiental.
No escrito presentado, ADEGA-Lugo solicita ao Concello que comprobe se esa autorización existe e, no caso de non existir, que inicie o procedemento de revisión da licenza urbanística por posible nulidade. Ao mesmo tempo, pide a suspensión cautelar da eficacia da licenza e a paralización inmediata das obras para evitar posibles danos de difícil ou imposible reparación sobre o dominio público hidráulico e os seus ecosistemas asociados.
ADEGA considera que as administracións públicas teñen a obriga de garantir o cumprimento estrito da lexislación urbanística e ambiental, especialmente cando as actuacións afectan a espazos protexidos pola normativa de augas. A asociación sinala que a protección do dominio público hidráulico constitúe unha garantía de interese xeral que non pode quedar relegada durante a execución de proxectos industriais.
A organización continuará facendo seguimento da tramitación deste expediente e exercerá as accións administrativas e xudiciais que resulten necesarias para garantir o cumprimento da legalidade e a protección do medio ambiente.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal