ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / "É o momento de mobilizarse para salvar o río...

02-07-2026

"É o momento de mobilizarse para salvar o río Rato": ADEGA-Lugo chama a cidadanía a apoiar a defensa xudicial das nacentes do río

ADEGA-Lugo lanza a campaña de micromecenado "Río Rato sen cemento", coa que pretende reunir os fondos necesarios para afrontar os custos do proceso xudicial derivado do recurso contencioso-administrativo que presentrá contra o Plan Parcial do sector S-5.I, que prevé a urbanización de máis de 32 hectáreas na cabeceira do río Rato para ampliar o polígono industrial do Ceao. A campaña, que comeza hoxe mesmo, 2 de xullo, dividirase en dúas fases, a primeira dun mes para recadar os primeiros 6.000€ e a segunda de dous meses para recadar os 6.000€ restantes.

Lugo afróntase á perda irreversible do seu río urbano máis emblemático

Para ADEGA, o proxecto supón unha das maiores ameazas ambientais das últimas décadas para Lugo. A urbanización afectaría directamente ás nacentes do río Rato, poñendo en risco o estado ambiental e o caudal de todo o seu leito, destruíndo regatos, zonas húmidas e charcas que alimentan o río, así como bosques de ribeira e carballeiras de elevado valor ecolóxico, onde hai especies protexidas e hábitats prioritarios recoñecidos pola normativa europea.

Ademais da perda de biodiversidade, a impermeabilización de máis de trinta hectáreas de solo natural aumentaría o risco de inundacións durante os episodios de choiva intensa e reduciría a capacidade do territorio para amortecer os efectos da seca. 

A entidade ecoloxista lembra que estes ecosistemas desempeñan un papel esencial na regulación climática, na depuración da auga, na redución da contaminación e na conservación da paisaxe da contorna de Lugo.

O gran cinto verde de Lugo, hipotecado

ADEGA considera tamén que este proxecto hipotecará para sempre a posibilidade de crear un gran cinto verde periurbano que conecte os ríos Miño e Rato, unha infraestrutura natural que permitiría facer da cidade un lugar máis saudable, resiliente e preparado fronte á crise climática. A asociación insiste, ademais, en que Lugo dispón de solo industrial dispoñible noutras zonas, polo que a destrución deste espazo natural resulta innecesaria.

En rolda de prensa no Vello Cárcere de Lugo, o presidente de ADEGA-Lugo, Xosé Manuel Rodríguez, asegurou que "non estamos diante dun simple conflito urbanístico. Estamos decidindo se Lugo quere seguir destruíndo o seu patrimonio natural ou apostar por un modelo de cidade que pense nas próximas xeracións. O que desapareza baixo o cemento non volverá recuperarse nunca".

“Non podemos aceptar que se urbanice sobre as nacentes do río. Isto implica comprometer o seu caudal e a súa capacidade de seguir vivo. Nun contexto de cambio climático e secas cada vez máis frecuentes, actuar así é un erro que Lugo pagará nun futuro próximo”, engadiu.

Chamamento á cidadanía para colaborar coa causa xudicial

ADEGA considera que a vía xudicial é imprescindible para defender o interese xeral, aínda que debe ir acompañada dun intenso traballo social. "Temos argumentos ambientais e legais sólidos para recorrer este plan. Pero defender a natureza tamén require recursos económicos. Por iso fai un chamamento á cidadanía para que participe nesta campaña. Cada achega, por pequena que sexa, convértese nunha ferramenta para protexer o río Rato".

O presidente de ADEGA Lugo subliñou que esta non debe ser unha batalla exclusiva da organización ecoloxista. "Este non é o problema de ADEGA; é un problema de toda a cidade de Lugo. Estamos a defender un patrimonio que pertence á cidadanía e ás xeracións futuras. Se queremos conservar un río vivo, unha infraestrutura verde e unha cidade máis habitable, este é o momento de implicarse".

Finalmente, fixo un chamamento á mobilización social. "Pedimos á veciñanza que non permaneza indiferente. Que se informe, que difunda esta campaña, que faga a súa doazón e que nos axude a demostrar que Lugo non quere cambiar natureza por máis formigón. A defensa do río Rato depende agora de todos e todas".

Apoio da AEMS-Ríos con Vida

O presidente do Comité Galego da AEMS Ríos con Vida, Joaquín Gutiérrez, tamén tomou a palabra para expresar a súa solidariedade e apoio a ADEGA-Lugo na defensa das nacentes e das zonas húmidas que dan orixe ao río Rato. “Lugo precisa un río Rato vivo, e AEMS Ríos con Vida tamén o quere. Por iso seguiremos ao lado de ADEGA-Lugo e de todas as persoas e colectivos que traballan pola protección deste espazo natural, ofrecendo o noso apoio e colaboración na defensa dun río Rato vivo para as xeracións presentes e futuras”, asegurou.

Web para doazóns

As persoas que decidan facer a súa achega a esta iniciativa de micromecenado "Río Rato sen cemento" poderán facelo a través da páxina web da campaña https://dega.gal/rioratosencemento ou por transferencia bancaria.

Deste xeito, búscase implicar á sociedade lucense na defensa dun espazo clave para a biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a calidade de vida da cidade. ADEGA confía, xa que logo, en que o apoio cidadán permita afrontar o proceso xudicial e abrir un debate sobre un modelo de desenvolvemento máis sostible para Lugo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal