Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e o Concello de Santiago impulsan a...
22-06-2026
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e o Concello de Santiago celebraron esta mañá no Campo das Hortas de Santiago de Compostela unha charla aberta á cidadanía sobre compostaxe e recollida respectuosa das herbas de San Xoán. Trátase dunha actividade enmarcada no programa de educación ambiental que está a desenvolver ADEGA e o Concello nas hortas urbanas de Santiago coa colaboración de Urbaser.
Durante a actividade, na que participaron unha vintena de persoas, a maioría veciñanza usuaria destes espazos da cidade, abordáronse cuestións relacionadas coa compostaxe individual e comunitaria nas hortas urbanas, así como diferentes prácticas vinculadas ao aproveitamento da materia orgánica para a obtención de compost. Coincidindo coa celebración do San Xoán, a charla abordou igualmente a posibilidade de crear sementeiras nas propias hortas para o cultivo dalgunhas das herbas máis características desta celebración.
Ao inicio da actividade, o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, destacou a relevancia deste tipo de actividades para "mellorar a eficiencia dos composteiros". Así, explicou que se trata dunha actividade enmarcada no programa de educación ambiental que se está a desenvolver nas hortas urbanas de Santiago no marco das accións que se inclúen no canon de Urbaser. Domínguez agradeceu o labor de ADEGA para coincienciar sobre o correcto uso dos colectores, e destacou que este tipo de actividades axudan a unha mellor xestión deste tipo de residuos.
Nesta liña, a educadora ambiental de ADEGA, Itziar Díaz, puxo en valor o desenvolvemento da compostaxe nas hortas urbanas "para o aproveitamento dos recursos e da materia orgánica e para obter facilmente un compost de boa calidade nas nosas hortas". Ademais, explicou que este ciclo de charlas, que se iniciou o pasado venres nas Hortas de Brañas do Sar, tamén ten como obxectivo intercambiar información sobre as necesidades existentes nestes espazos en relación coa compostaxe.
Pola súa banda, tamén o presidente de ADEGA e investigador experto en compostaxe na UDC, Manuel Soto, destacou a compostaxe doméstica e comunitaria como a "alternativa máis sustentábel tanto desde o punto de vista económico momo especialmente o ambiental". "Neste programas, a separación en orixe dos residuos orgánicos acada a mellor calidade posíbel, e o compost resultante é apto para o cultivo ecolóxico de alimentos", explicou. "É importante", engadiu, "a autoxestión dos restos orgánicos, a km cero, sen transporte, vertido nin incineración, e tamén a autoprodución de fertilizante ecolóxico", prácticas chaves de cara a un estilo de vida máis sustentábel.
Este proxecto de educación ambiental, desenvolvido por ADEGA coa colaboración do Concello e de Urbaser, estrutúrase en tres ámbitos de traballo: a formación en técnicas de horta ecolóxica, a promoción da compostaxe individual e comunitaria nos espazos de cultivo urbano e a realización de actividades de convivencia e divulgación relacionadas coa alimentación sostíbel e o aproveitamento dos produtos da horta.
No ámbito da compostaxe, o programa inclúe un inventario dos compostadores existentes nas hortas urbanas, a análise das prácticas actuais e das necesidades detectadas polas persoas usuarias, así como a realización de sesións formativas específicas sobre compostaxe individual e comunitaria nos distintos espazos de hortas da cidade.
A vindeira actividade prevista será "Cociñando co Sol: da horta ao prato", unha sesión demostrativa organizada por ADEGA na que se elaborarán diferentes pratos de cociña mediante cociñas solares e con produtos da horta. Este encontro terá lugar o vindeiro 7 de xullo ás 17:00 horas no mercado Entre Lusco e Fusco, no Parque de Belvís, e estará aberto a todas as persoas interesadas nunha alimentación saudábel e sustentábel.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal