Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA publica a Revista Cerna 95: crise...
18-06-2026
ADEGA publica o número 95 da Revista Cerna, a principal publicación galega especializada en ecoloxía e medio ambiente. Ao longo das súas 64 páxinas, a revista percorre, da man de persoas investigadoras ou do eido do activismo, algunhas das principais problemáticas ambientais hoxe en día, desde a expansión do eucalipto ou os impactos da contaminación industrial até as consecuencias do cambio climático, a conservación da biodiversidade e iniciativas sociais que procuran construír alternativas en favor do medio ambiente.
O bloque de ecoloxismo abre cunha entrevista ao novo presidente de ADEGA, Manuel Soto Castiñeira, que reflexiona sobre os retos ambientais actuais e fai un chamado á participación da mocidade na defensa da terra. A revista recolle tamén a presentación do libro ADEGA: 50 anos coidando a Terra, unha publicación conmemorativa que repasa medio século de historia da asociación e das principais loitas ecoloxistas do país.
Entre os temas centrais deste número figura unha análise da prórroga da moratoria do eucalipto en Galiza e da súa eficacia real para frear a expansión desta especie. A revista aborda tamén o conflito da canteira da Trinidade, na Mariña, outro caso que evidencia como os intereses extractivos, xunto co desleixo administrativo, seguen a poñer en risco os ecosistemas e o ben común.
A crise climática está presente a través dun artigo sobre o papel dos océanos na regulación do clima global e doutro dedicado á realidade das persoas eco-refuxiadas, que analiza o aumento dos desprazamentos forzosos vinculados á degradación ambiental. No apartado de contaminación, a Cerna afonda nos impactos dos pesticidas sobre a biodiversidade dos solos, no rastro ambiental das guerras e na situación das emisións contaminantes en Galiza a partir dos datos do Rexistro Europeo PRTR.
A conservación da biodiversidade ocupa tamén un espazo destacado, coa campaña para reclamar a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e cunha revisión do caso da alga wakame, desde a súa promoción como cultivo comercial até a súa consideración como especie invasora.
A revista achega, ademais, reflexións sobre o abandono do rural e a necesidade de reforzar a actividade agraria para manter vivo o territorio. No ámbito da educación ambiental, reivindícase o papel da xeoloxía e da xeodiversidade como elementos clave para comprender e defender o patrimonio natural. Este número recolle tamén experiencias de participación e mobilización social, como o Tarugotón, as xornadas ecofeministas O rural galego en feminino ou a presenza da música tradicional como ferramenta de protesta nas mobilizacións contra Altri. As seccións habituais de recursos, flora e fauna, A-prender e O lugar da poesía completan este novo número da Revista Cerna.
A Revista Cerna pode consultarse gratuitamente en formato dixital a través da web de ADEGA ou da plataforma ISSUU. Ademais, por unha cota anual de 10 euros, é posible subscribirse ao proxecto e recibir no domicilio o Anuario Cerna, unha publicación en papel que recompila unha selección dos principais artigos aparecidos nos dous números dixitais editados cada ano.
A revista conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e forma parte do Proxecto Cerna, que, entre outras iniciativas, desenvolve tamén un programa semanal de radio no que se repasa en dez minutos a actualidade ambiental galega, así como a Newsletter Cerna, un boletín de información ambiental ao que calquera persoa pode subscribirse a través de i.gal/boletins_adega.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal